Foz celebra a XII Festa Normanda ata o 1 de setembro

Foz celebra a XII Festa Normanda de Recuperación da Memoria Histórica os días 29, 30 e 31 de agosto e o 1 de setembro.

O xoves, 29 de agosto, ás 19:00 horas dará comezo a festa coa apertura do Mercado Normando, onde os asistentes poderán mergullarse na época medieval e gozar dos produtos típicos da feira. Ás 21:00 horas, o grupo Rimo Crouleiro encargarase de animar o pasarrúas polo mercado.

O venres, 30 de agosto, a xornada arranca ás 12:00 horas coa inauguración do Campamento Normando no Paseo da Ribeira. Durante o día, diferentes agrupacións como Lipsala, Gaica Escola de Modo e Combates Normandos amenizarán o mercado con diversas actuacións e música. Ás 20:00 horas terá lugar o pregón oficial a cargo de Roberto Gómez Ledo na área recreativa Bispo Santo, seguido dunha representación teatral da Lenda de San Gonzalo e o nomeamento do Focego Maior. A música continuará durante a noite na explanada do porto a cargo de DJ Cosmedeejay.

O sábado, 31 de agosto, comezará ás 11:00 horas coa apertura do mercado e as actividades no campamento. Ás 13:00 horas terá lugar a formación das tropas normandas e os combates no campamento, seguidos dun concerto na Praia de Tupide a cargo de Lipsala. Pola tarde, ás 19:00 horas, realizarase a gran representación do ataque normando á vila coa milagre de San Gonzalo, tamén na Praia de Tupide. Ademais, haberá xogos populares, música e animación durante toda a tarde e noite. Ás 23:30 horas, Lipsala ofrecerá outro concerto, seguido do espectacular Funeral Normando e un espectáculo de lume e pirotecnia a cargo de CripMalabar.

O domingo, 1 de setembro, día infantil, o mercado abrirá de novo ás 12:00 horas para continuar coas actividades. Ás 17:00 horas, o Desembarco Infantil no campamento será unha das actividades principais, que rematará coa Festa da Espuma nos Xardíns da Casa do Mar.

O programa da XII Festa Normanda de Foz inclúe unha serie de talleres e actividades continuadas no campamento normando, como exposicións de armamento, charlas sobre cultura vikinga, e recreacións históricas. Haberá tamén demostracións de carpintería, talleres infantís de fabricación de escudos, teares e tecidos, xoiería vikinga, peiteados normandos, e softcombat. Outras actividades inclúen contacontos, talleres de candeas de cera e escritura medieval.Estas e outras moitas actividades estarán dispoñibles durante toda a xornada no campamento.