A XVI edición da Festa do Chícaro ou Berberecho celebrarase en Foz os días 19 e 20 deste mes de xaneiro. O programa de actividades foi presentado este mediodía nun acto que se desenvolveu na Casa da Cultura. Participaron o alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira; o concelleiro do Mar, Pedro Fernández Manín; e a deputada provincial Mayra García Bermúdez.
O día 17 haberá unha charla sobre Marisqueo e Acuicultura en Galicia e o 19, a partir das 12:00 horas, será a inauguración da festa e o pregón, que pronunciará Eduardo Fraga, ex secretario da Confraría de Pescadores de Foz. Ese día na carpa instalada no peirao poderanse degustar chícaros en empanada, á provenzal, ao vapor e tamén con fabas de Lourenzá. Esta festa gastronómica tamén se desenvolverá en varios locais hostaleiros da vila o sábado e o domingo.
O concelleiro do Mar en Foz, Pedro Fernández Manín, destacou “a colaboración tanto da Deputación como da Xunta de Galicia nesta festa, que se considera a primeira festa gastronómica do ano en Galicia”.
O edil explicou que “o programa empezará o día 17 de xaneiro, xoves, ás once da mañá no salón de actos da Casa da Cultura de Foz, onde haberá unha charla sobre marisqueo e acuicultura en Galicia, impartida por Susana Novo Vázquez, Justa Ojeda Martínez e Bibiana Viñas, doutoras en Bioloxía e investigadoras do Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo, da Consellería do Mar”.
Fernández Manín engadiu que “o 19 de xaneiro, que é o día grande, na carpa que estará instalada no peirao, ás doce da mañá, terá lugar o pregón e a apertura de stands. O pregón correrá a cargo de Eduardo Fraga Cociña, ex secretario da Confraría de Pescadores de Foz. Naceu en Celeiro e traballou alí na Confraría, logo foi secretario da Confraría do Vicedo e rematou a súa andaina como profesional na Confraría de Pescadores de Foz. Coñecedor dos problemas da zona e da ría de Foz, é unha persoa que pode adaptar o pregón a esta festa, que coñece perfectamente. A partir das 12:40 horas haberá unha actuación a cargo do grupo Mar Aberto de Foz”.
O concelleiro sinalou que “a elaboración do chícaro correrá a cargo da Escola de Hostalería do IES de Foz, que fará a tres preparacións: á provenzal, ao vapor e con fabas de Lourenzá. Ademais haberá empanada, que elaborará Confitería Anduriña”.
Pedro Fernández Manín anunciou que “durante todo o día estarán animadas as rúas por grupos folclóricos tradicionais galegos, ás sete e media da tarde volverá a actuar o grupo Mar Aberto e ás dez e media da noite terá lugar a actuación na carpa da charanga NBA. O prezo da ración será a 5 euros, e a bebida, tanto auga como cervexa e viño, será a 1 euro, os mesmos prezos do ano pasado. O día 20 seguirá a festa polos bares de Foz. Este día non estará aberta a carpa, que soamente funcionará o sábado 19 durante todo o día e ata que se esgote o produto”.
O edil subliñou que “esta festa conta coa colaboración da asociación Sempre Foz, que é a encargada da maior parte da preparación porque o Concello leva todo o que é o institucional. Salientar a colaboración da Deputación e da Xunta de Galicia. Ademais os empregados municipais son a alma máter da montaxe e encárganse de facer o reparto en cada unha das casetas”.
Pedro Fernández quixo invitar a todos a participar nesta festa: “esperámosvos o día 19 no peirao, e o 19 e 20 por todos os bares, onde haberá para degustar o que aquí na vila de Foz chamamos o chícaro e que é o típico berberecho”.