As festas patronais de Burela celebraranse do 2 ao 5 de xuño. A comisión organizadora comeza coa recollida de donativos.
A concelleira de Festexos e presidenta da comisión organizadora, Toñi Eijo, explicou que “a comisión organizadora das festas patronais de Burela comeza a recollida de donativos. Ademais dos hostaleiros e comerciantes, esperamos contar coa colaboración da veciñanza, o que lles agradeceríamos porque se non é así hai actividades que non poderemos facer. Temos unha conta aberta en Abanca para recoller as achegas dos particulares. Agradecemos todos os donativos, de calquera cantidade de diñeiro, porque supoñen unha axuda para a recadación que necesitamos para poder incluír na programación todas as actividades que queremos organizar e non ter que suprimir algunhas por non dispoñer orzamento suficiente”.
Eijo considera que “a xente debe ter en conta que o prezo do alumeado para as festas sufriu unha suba moi grande e tamén o que cobran as orquestras. Todos os prezos soben e iso hai que telo en conta. As achegas do Concello, dos hostaleiros e dos comerciantes non son suficientes para facer unhas festas como as que houbo en Burela nos últimos anos”.
A presidenta da comisión organizadora contou que “as actividades das festas serán os días 2, 3, 4 e 5 de xuño e xa nos queda pouco tempo para organizalas. A comisión está formada por moi pouca xente porque non hai moitos veciños e veciñas que se animen a formar parte dela e iso supón moito traballo para cinco persoas”.
Toñi Eijo engadiu: “animo á veciñanza que quere unhas boas festas en Burela a que se implique un pouco e colaboren para que os festexos deste ano poidan manter o nivel que tiveron as edicións anteriores”. E tivo palabras de agradecemento para As Encaixeiras, “que se ofreceron a colaborar con nós”.
A comisión organizadora das festas patronais de Burela está formada por Toñi Eijo, Belén Ramudo, Belén Feijoo,Vanesa Prieto e Raúl de Jesús Torres.