As festas de San Lourenzo, en Foz, que se celebrarán do 7 ao 11 de agosto, empezarán co pregón a cargo do Club Baloncesto Celtas, que será o mércores 7 ás 20:00 horas na Casa da Cultura. A remate terá lugar o chupinazo.
O xoves 8 haberá pasarrúas con A Subela a partir das 13:00 horas e desde as once da noite verbena no Paseo da Rapadoira con a orquestra canaria Furia Joven. Ao día seguinte a Batukada Perkusiona ofrecerá un pasarrúas a partir da unha do mediodía e ás 23:00 horas empezará a verbena na praza Conde de Fontao e na explanada do porto, amenizada pola orquestra Ciclomanía e o grupo Atenas.
O día de San Lourenzo, sábado 10, comezarán as actividades da xornada cun pasarrúas a cargo de O Feitizo, ás doce do mediodía na igrexa parroquial focense celebrarase a misa solemne, cantada polo Coro Parroquial de Foz, e a continuación terá lugar a procesión acompañada pola Banda de Música de Foz. Despois na praza Conde de Fontao actuará O Feitizo e haberá sesión vermú amenizada pola Banda focense. A verbena será na explanada do porto a partir das 23:00 horas e actuará a orquestra feminina cubana Anacaona. Ás doce da noite terá lugar no Paseo de Laredo o tradicional espectáculo de fogos artificiais.
As festas rematarán o domingo 11 cunha verbena na que actuará o grupo madrileño La Misión.