Ferreira do Valadouro celebrará as súas festas patronais os días 7, 8, 9 e 10 de setembro e poderá desfrutarse dunha ampla variedade de actuacións musicais ou actividades para os máis pequenos.
Para comezar, o día 7 a partir das 23 horas terá lugar a gran verbena coa actuación de El Combo Dominicano e a discomóvil Conxuro. Seguidamente, o venres 8 iniciarase a xornada coa misa solemne das 12 do mediodía . Entre a 13 e as 14 horas será a actuación da Asociación Cultural Amado Lar. Posteriormente, ás 14.30 actuará o Grupo Fussion e ás 23 horas repetirá xunto a Galilea.
O sábado 9 tamén dará comezo coa misa solemne das 12 horas á que seguirá a procesión co acompañamento a cargo dunha banda de música. Ás 14.30 horas, a sesión vermú estará amenizada coa actuación de Toxo Guayaba. Tamén ás 23 horas actuará a discomóvil Medusa xunto con Toxo Guayaba.
Este día, os máis pequenos teñen o seu recuncho especial. A partir das 17.30 horas terá lugar o Día do Neno con xogos populares e inchables na praza de Santa María do Valadouro. En caso de choiva, trasladarase ao pavillón deportivo. Isto será completamente gratuíto.
Por último, o domingo 10 clausuraranse as festas coa actuación do Dúo Belinda ás 14.30 horas.