As Feiras e Festas máis antigas de Galicia foron presentadas hoxe en Santiago, na aula Gastrocultural da Praza de Abastos, rematando así coa súa difusión nas cidades que formaban o Antigo Reino de Galicia. No acto participaron o presidente da Asociación As San Lucas, Miguel Souto, a rexedora, ElenaCandia, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega. As San Lucas arrancan mañá cun amplo programa de cinco días no que se mestura tradición e modernidade.
Tanto a rexedora como o presidente da Asociación animaron a todos os asistentes a achegarse a Mondoñedo para desfrutar das San Lucas, “unha cita xa consolidada que cada ano congrega a un maior número de asistentes”.
Programa
O programa, que pretende chegar a todos os públicos combinando tradición e modernidade, desenvolverase entre o mércores día 17 de outubro e o domingo día 21. Miguel Souto subliñou que “as San Lucas son feira, festa, cultura e tradición”. O pregón correrá a cargo do reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e terá lugar o mércores 17 ás 20:45 horas. López realizou os seus estudos no seminario e no instituto San Rosendo de Mondoñedo.
Entre as actividades atópase a celebración dun dos principais espectáculos de doma nocturna, o primeiro que se alberga en Galicia. O presidente da Asociación, Miguel Souto, destaca que este espectáculo desenvolverase “na feira máis antiga de Galicia e no marco incomparable da Praza da Catedral, en fronte do monumento declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco”.
Este primeiro espectáculo de doma nocturna que se celebra en Galicia terá lugar o día grande das Feiras e Festas de As san Lucas, o 18 de outubro, ás 21:00 horas na Praza da Catedral. Poderase ver un segundo pase o día 19, tamén ante o monumento declarado Patrimonio da Humanidade, nesta ocasión, ás 21:30 horas.
A programación recolle ademais, entre outras moitas citas, a tradicional chegada dos cabalos polas rúas empedradas da cidade ata a feira e o seu paso pola Praza da Catedral, que será retransmitida por unha pantalla xigante, a actuación de Quico Cadaval, o encontro folclórico, teatro, un concurso de andadura galega, morfolóxico de cabalos e de trote, demostracións de ferrado e forxa, a segunda xuntanza de tractores clásicos e a homenaxe a Pascual Veiga.
Música
No eido musical, haberá actuacións de diferentes grupos e orquestras, como a Panorama o día 17, Compostela e Satélites o 18, París de Noia e Principal o 19, La Favorita e Israel o 20 xunto co grupo Extra e Palladium o 21. O broche de ouro porao o concerto de Carlos Núñez no interior da Catedral de Mondoñedo o domingo 21 ás 20:00 horas.
Entrega do Premio Mondoñedo10 Teatro
O auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo acollerá o vindeiro domingo, 21 de outubro ás doce e media do mediodía o acto de entrega do Premio Mondoñedo10 2018 Teatro no transcurso dun acto no que o grupo de teatro da asociación cultural Alexandre Bóveda representará dúas breves pezas teatrais, unha de Rafael Dieste e outra de Álvaro Cunqueiro baixo a dirección de Lino Braxe.
A Asociación As San Lucas en colaboración co Concello de Mondoñedo e o Colectivo Mondoñedo É veñen de fallar o Premio Mondoñedo10 2018 Teatro que recae en Nome: Bonita, de Vanesa Sotelo. O galardón outórgase este ano por terceira vez co obxectivo de establecer vínculos permanentes entre a cidade e a localidade que lles dá nome coas mellores obras de creación cultural producidas en Galicia e en galego nos últimos dez anos.
Mulleres na ciencia
O auditorio municipal acollerá tamén durante as feiras e festas das San Lucas a exposición ‘Premios María JosefaWonenburgerPlanells 2007-2017’, dedicada ás mulleres científicas galegas e baseada no premio creado na honra desta científica galega pioneira no seu campo. A mostra poderá visitarse de once da mañá a sete da tarde ata o domingo 21. Despois recalará nos outros catro concellos para os que presta servizo o CIM mindoniense: Lourenzá, A Pastoriza, Abadín e Riotorto.