
Este venres, día 28 de febreiro, dá comezo a programación da Feira do San Rosendo 2025 ás 20:00 horas coa segunda edición da degustación de tapas elaboradas a base de carne de poldro de Pura Raza Galega polos bares de San Miguel, financiada pola Área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través do seu programa Un gusto de rural, un rural degusto.
O sábado, 1 de marzo, haberá misa con procesión ás 13:00 horas, seguida da actuación da sección infantil da Agrupación Folclórica O Arco da Vella. Ao remate, sesión vermú co conxunto viveirense Escolma de Meus. Xa pola tarde, ás 18:00 horas, disputarase un torneo aberto de billarda nas inmediacións da festa. Á noite, máis tapas de carne de poldro e verbena dende as 22:00 horas coa orquestra Los Satélites.
O domingo 2, día grande, a partir das 09:30 e das 10:30 horas respectivamente, abriranse as feiras de gando e artesanía. Tamén haberá concursos morfolóxicos de PURAGA e demostración de pastoreo con Border Collie. Ás 13:00 horas celebrarase misa e despois terá lugar unha sesión vermú co grupo folk Ardentía. Pola tarde farase de novo demostración de pastoreo e, por último, ximkana ecuestre con xinetes e amazonas da contorna.
“Ámbolos días a festa será, coma sempre, en carpa cuberta e con laterais para que bailedes e non pasedes frío”, destaca a organización do evento, que engade: “temos que dar as grazas unha e mil veces ao Concello de Barreiros, especialmente á nosa alcaldesa Ana Ermida, por axudarnos en canto precisamos e poñer á nosa disposición, e á do pobo de San Miguel, tódolos medios para a planificación, montaxe e realización da nosa feira. Grazas tamén aos empregados municipais que fan isto posible. Outra axuda imprescindible: o financiamento económico da Área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, á que estamos moi agradecidos pola súa labor e interese en axudar a revitalizar as costumes e feiras tradicionais de gando da provincia”.