Hoxe presentouse na praza do Centro Cívico de Xove a III Concentración de Vehículos Clásicos e Históricos, organizada pola Asociación Autoclásicos da Mariña Lucense, nunha convocatoria dirixida a coches e motos clásicos, na súa maioría de Galicia e Asturias.
A concentración vaise desenvolver en Xove o vindeiro sábado, 21 de setembro, durante todo o día.
A organización conta, para este evento, coa colaboración do Concello de Xove e o de numerosas casas comerciais de toda a Comarca.
Para a realización desta xuntanza, fíxose unha convocatoria, que vai estar aberta ata o mesmo día da concentración. Nestes momentos as inscricións tanto de coches como de motos van a moi bó ritmo.
O Programa de actividades vai ser o seguinte:
-De 9:00 a 11:00 horas.- RECEPCIÓN de vehículos (coches e motos) na Praza do Centro Cívico. Durante este período, todo o público asistente poderá admirar libremente os vehículos participantes, podendo ademáis compartir experiencias cos seus propietarios.
-Sobre as 11:15 horas: Proba de orientación para os inscritos na mesma; trátase dunha proba voluntaria onde os participantes, seguindo un rutómetro, e nun tempo determinado, deben realizar o percorrido previsto pola organización.
-Sobre as 11:30 horas:- Realización dun CIRCUITO polo Concello, duns 20 km: saída do Centro Cívico cara ao Portiño de Morás onde Lucía Meitín dará unha pequena charla sobre a antiga Baleeira de Morás; por parte da organización está previsto ofrecerlles un pequeño refrixerio na Área Recreativa da antiga baleeira. Continuaremos cunha ruta panorámica por outras zonas do Concello, mostrándolles aos participantes as riquezas paisaxísticas de Xove, para, sobre as 15:00 horas reunirse todos nun xantar no Restaurante Louzao de Area.
-Text de coñecemento.- Pola mañá, no momento da inscrición, a organización vai repartir un text sobre o mundo do motor (motos e coches), onde os participantes terán que demostrar o seu coñecemento sobre o mundo do motor, tanto a nivel histórico como técnico. Os premios deste concurso-text, despois de ser comprobados, vanse entregar ao remate do xantar.
Unha vez rematado o xantar, a organización ten prevista a entrega de PREMIOS, para finalizar co sorteo dunha serie de produtos doados polos establecementos comerciais colaboradores.