
San Ciprián acollerá o día 19 de abril, sábado de Semana Santa, a III Festa das Xeracións, organizada polo club de trail local A Fume de Carozo coa colaboración do Concello de Cervo.
A cita, que terá lugar na carpa instalada na Praza dos Campos, en San Ciprián, foi presentada pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e por varios membros do club organizador.
Tal e como precisan desde a organización, esta Festa das Xeracións, que vai xa pola terceira edición, “reflexa o espírito inclusivo e participativo do club de trail, como unha actividade complementaria ao deporte na que convivir, desfrutar e tecer novos lazos ou mesmo recuperar antigos vínculos, con reencontros e novas amizades entre persoas que ser irán acomodando no xantar en función da década de nacemento”.
As persoas interesadas poden mercar os seus tíckets por un custe de 35 euros para os non socios, e de 30 euros para os socios, “como un incentivo e en agradecemento ás persoas que forman parte do club e que nos axudan tamén a ir medrando ano a ano”, nos establecementos As Titas, O Noso Lar, O Faro, A Penúltima, Bodega de Ana, todos eles en San Ciprián; e Antoxo Cafetería (Xove) e Vista Alegre (Burela).
Na festa, que “xa se está a converter nun clásico da Semana Santa, haberá sorpresas, sorteos e moita música da man de DJ Pablo Conxuro”.
Desde a organización agradecen de antemán o apoio, “que nos axuda a seguir traballando na organización de novos eventos deportivos”.