Os Concellos do Vicedo e de Mañón e a Xunta de Galicia organizan un Curso de Turismo, Educación e Ocio vinculado á Ornitoloxía na costa norte de Galicia, que terá lugar os días 4, 5 e 6 de outubro.
A actividade é gratuíta e está dirixida a persoas de 18 a 30 anos. As prazas son limitadas.
O venres, 4 de outubro, o curso desenvolverase no Concello do Vicedo. Pola mañá están programadas charlas sobre as paisaxes no norte de Galicia e as súas aves terrestres e mariñas, ademais haberá un paseo ornitolóxico guiado pola costa do Vicedo. Pola tarde terá lugar unha observación de aves desde o cabo de Estaca de Bares.
O sábado, 5 de outubro, a actividade seguirá no Concello de Mañón. Pola mañá celebraranse charlas sobre as migracións das aves e a súa conservación, ademais dun paseo ornitolóxico. Pola tarde terá lugar unha observación de aves mariñas desde o cabo de Estaca de Bares.
O domingo, 6 de outubro, no Concello do Vicedo, haberá unha charla-obradoiro de introdución ao turismo ornitolóxico. Pola tarde tamén terá lugar unha observación de aves mariñas desde o cabo de Estaca de Bares.
Este curso estará impartido polo técnico en xestión de recursos naturais Antonio Martínez Pernas, o doutor en bioloxía Álvaro Barres López, o educador ambiental do CEIDA Sergio París Gómez e o escritor Antonio Sandoval Rey.