Do 25 ao 27 de marzo o Concello organiza actividades para a mocidade e para a infancia na pista de skate e no parque de San Francisco. A programación foi presentada polo alcalde, Dani Vega, e polo concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent.
O rexedor dixo que “Ribadeo non para e segue activo permanentemente. Nesta Semana Santa Ribadeo na rúa, Vive a cultura urbana. Son actividades tanto para a infancia como para a mocidade. Desde a Concellería de Mocidade prepararon e coordinaron todo e haberá actividades os días 25, 26 e 27 e tamén vai haber actividades para a infancia o luns 25 e o martes 26”.
Vega subliñou que “imos dinamizar dúas zonas, tanto a pista de skate como o parque de San Francisco e o que queremos é que nesta Semana Santa contemos con actividades para todas as idades: lúdicas, formativas, culturais… Ribadeo non para e segue presente na rúa”.
O edil de Deportes indicou que “a cultura urbana será a protagonista esta Semana Santa en Ribadeo para a mocidade, con moitas actividades no Skate Park. Serán os días 25, 26 e 27 pola mañá, pola tarde e tamén á noitiña”.
Silvent explicou que “a mocidade ribadense poderá gozar de talleres de pintado de gorras trucker, de skate, de tattoo ou de graffitti. Haberá música, exhibicións e a presentación do libro Somos Hip Hop, o primeiro sobre a cultura urbana. Se o tempo non acompañase estas actividades terían lugar no pavillón do Ceip Gregorio Sanz”.
O concelleiro ribadense contou que “para a infancia os días 25 e 26 (luns e martes de Semana Santa) no parque de San Francisco de dez da mañá a sete da tarde contaremos con inchables, obradoiros, máquina de pompas e a visita de Chase e Minion. En caso de mal tempo estas actividades desenvolveranse no pavillón da rúa Alfredo Deaño”.
Silvent anima a participar nestas actividades: “animamos á mocidade e á infancia da nosa vila a disfrutar da Semana Santa na rúa”.