A oitava edición de Letras no Campo, a feira ribadense do libro, celebrarase do 14 ao 17 de maio. Haberá presentacións de libros, concertos, a proxección dunha película e un photocall moi especial do que participarán o Coco e a Coca. As casetas abrirán de 11:30 a 13:30 horas polas mañás e de 17:30 a 20:30 horas polas tardes. As Letras no Campo foron presentadas pola concelleira de Cultura, Pilar Otero, e por libreiros participantes.
A edil ribadense manifestou: “podemos dicir que nesta fin de semana longa en Ribadeo temos moitos atractivos para quen vivimos aquí e para todas as persoas que queiran vir visitarnos. Mentres a feira do libro se está a desenvolver ponse en marcha o Ribadeo de Tapeo, o clásico e pioneiro evento de tapas que ofrece as mellores suxestións en bares e restaurantes. Tamén o programa de achegamento e goce da nosa contorna natural, que leva por nome O Renacer do Cantil, propón actividades para sábado e domingo. E na oficina de Turismo inaugúrase o venres, 13 de maio, a exposición A Bretaña que hai en nós, de fotografías das cruces de pedra na Bretaña, de Castelao, organizada pola asociación de irmandade Ribadeo-Loctudy, coa participación de Ugía Pedreira e Pierre Yves Rougier”.
Otero Carbacos explicou que “o nome que recibe este evento, Letras no Campo, pretende rescatar a denominación que sempre se lle deu a esta parte da vila, o Campo. E así, tanto as casetas como a sala onde se farán as presentacións están no Campo de San Francisco. Nesta edición estarán presentes as librarías Bis a Bis, Gráficas Santiago, Pícaros Mundi e Anticuaria Galgo, de Ribadeo, que ofrecerán un desconto do 10% na venta de libros en galego. A maiores exporán as súas producións a editorial Canela e o Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo”.
A concelleira de Cultura sinalou que “primeiramente gustaríame falar da persoa que lerá o pregón. É a escritora e mestra da Veiga Belén Rico Prieto, escritora na variante do galego que falan as nosas veciñas e veciños da outra banda do Eo. Parécenos de xustiza este xeito de recoñecemento, de visibilización dunha produción literaria que se fai un pouco á marxe, mais que nos completa como falantes dunha mesma lingua, rica e variada. Cremos asemade que o galego é un patrimonio que nos enriquece e ten que estar por riba de cores políticas e fronteiras administrativas”.
Pilar Otero seguiu a relatar que “Letras no Campo vai desenvolverse do 14 ao 17 de maio e o horario de apertura de casetas todos os días vai ser de 11.30 a 13.30 e de 17.30 a 20.30 horas. A lectura do pregón será o sábado ás 19.30 horas. Cada xornada terá un divertimento e o dese día é o tradicional concerto das letras galegas a cargo da Banda Municipal de Música de Ribadeo”.
A edil nacionalista dixo que “o domingo ás 12.00 horas a poeta, ensaísta e doutora en Teoría da Literatura, María do Cebreiro, presentará as súas edicións críticas das obras Cantares Gallegos e En las orillas del Sar, de Rosalía de Castro. Pola tarde ás 18.00 horas a protagonista é unha obra urxente e necesaria, froito do traballo do profesor Carlos Varela Aenlle. É o Dicionario do galego de Asturias. Unha hora máis tarde, a autora de Burela Antía Yáñez preséntanos a súa novela Non penses nun elefante rosa. O divertimento dese día vai ter lugar a xeito de sesión vermú, ás 13.00 horas, e será o concerto da cantautora portuguesa Eva Parmenter”.
Otero Cabarcos contou que “chegamos xa ao luns, 16 de maio, e iniciámolo co poeta Cesáreo Sánchez Iglesias e o seu A árbore que dá as lágrimas de Shiva.
Paco Rivas despois tráenos un romance para crianzas, o Romance de don Dinís e dona Helena. O seguinte autor, que presenta a obra pola tarde, é Xesús Trashorras, veciño noso en tempos e que nos trae a súa obra de narrativa Paseando canguros.Completa a tarde de presentacións unha nova escritora, Lucía Ferro coa súa novela Resaibo amargo. O divertimento dese día é a proxección da película galega Valentina, de Chelo Loureiro, premio Goya á mellor película de animación”.
E engadiu: “a mañá do 17 de maio, Día das Letras Galegas, está protagonizada por dúas presentacións do Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo. Fernando Arribas e Teresa Pena Moreda falarán de A vangarda das formas, a obra cerámica de Isaac Díaz Pardo. E Fernando Villapol Parapar en Ciencia e conciencia, historia social abordará o percurso histórico e territorial do apelido Villapol. Rematamos coa entrega de premios da fase local do Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2022, organizada pola Biblioteca de Ribadeo e para acabar, como divertimento, o concerto de Sobrado”.
A concelleira de Cultura anima a asistir ás Letras no Campo: “despedimos esta presentación co convite a visitar Letras no Campo e de asistir a todas as actividades que as rodean, entre elas e para as crianzas, un photocall moi especial do que participan o Coco e a Coca”.