O Goberno da Deputación ofrece este sábado, obradoiros gratuítos e para todas as idades, nos 4 museos da provincia, con motivo do Samaín. Así o informou este luns a Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto. As actividades terán lugar no Museo Provincial de Lugo, no Museo Fortaleza de San Paio de Narla en Friol, no Museo Provincial do Mar en Cervo, e no Museo Pazo de Tor en Monforte de Lemos. Os interesados en participar nestes obradoiros poden inscribirse nos museos onde se realizan as actividades.
As 4 actividades gratuítas que ofrece o Goberno da Deputación este sábado nos 4 museos da Rede Museística Provincial son:
- No Museo Provincial de Lugo, de 11:00 a 13:00 horas, terá lugar o obradoiro Samaín no museo. Está dirixido a nenos de entre 8 e 12 anos e conta con 15 prazas. Os participantes coñecerán as orixes do Samaín, realizarán baleirados de cabazas e elaborarán disfraces.
- No Museo Fortaleza de San Paio de Narla, en Friol, de 16:00 a 24:00 horas, terá lugar o obradoiro, que conta coa colaboración da Asociación Castronela. Está dirixido ás familias e non hai límite de prazas. Os participantes realizarán baleirados de cabazas, pintado de caras, así como xogos, percorridos arredor da Fortaleza e paseos e actividades no centro de Friol.
- No Museo Provincial do Mar en San Cibrao, no Concello de Cervo, de 11:30 a 13:30 horas, terá lugar o obradoiro Trasnadas de Samaín. Está dirixido a nenos de entre 4 e 14 anos e conta con 15 prazas. Os participantes coñecerán as orixes celtas da actual festa, buscando as raíces de usos como o de baleirado das cabazas, disfraces ou pedir doces.
- No Museo Pazo de Tor en Monforte de Lemos, de 11:00 a 13:00 horas. Está dirixido ás familias e non hai límite de prazas. Os participantes confeccionarán velas e disfraces, así como xogos de pantasmas.