Este sábado, día 11, ás 9 menos cuarto da noite, no Teatro, actuará a coral Magistrói, de Santiago de Carapeços, Barcelos (Portugal). A coral, fundada no ano 1977, interpretará, acompañada dunha pequena orquestra, un programa de 12 pezas de distintos estilos e procedencias, xa que “considerase irmâo de todos os povos e canta temas de toda a Terra, sob o lema: seja o mundo inteiro um orfeâo”.
A Coral Polifónica de Ribadeo interpretará 3 pezas ao comezo, como sinal de acollida ao coro invitado.
Os actos de celebración de Santa Cecilia continuarán o 18 de novembro. Na igrexa parroquial de Cedofeita, ás sete da tarde, a Coral cantará a misa na honra da súa patroa e a continuación ofrecerá un pequeno concerto. Segue así, a Coral, visitando as parroquias do Concello nas que aínda non estivera en ningunha ocasión. Na misa, lembraranse os coralistas falecidos e os seus familiares e farase, por parte da Coral, unha ofrenda á parroquia, como ven sendo xa habitual, en sinal de agradecemento pola acollida e como mostra de unión e solidariedade.
Despois do concerto terá lugar, no Parador de Turismo, unha cea de confraternidade, á que ademais de coralistas, excoralistas, familiares, membros de honor e colaboradores están invitadas tódalas persoas que desexen compartir a velada coa Coral. As tarxetas para a cea, ao prezo de 30 € , poden retirarse no Parador.
A Coral invita a todos os afeccionados á música a acompañar e apoiar os coros coa súa presenza e desexa que disfruten coas súas interpretacións.