Esta tarde presentouse en Foz unha nova edición da Copa Deputación de Piragüismo, unha liga provincial de seis regatas que se celebrarán en Portomarín, Ribadeo, San Cibrao, Viveiro, Lugo e Foz entre maio e setembro.
A competición organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piraguismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs da provincia a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas.
Un aliciente que os representantes dos clubs reunidos esta tarde en Foz -Jesús Fernández do Club de Piragüismo Urban Hotel Viveiro, Iván González do Club de Piraguismo San Ciprián, José Ángel Fernández do Club Altruán de Ribadeo, Nacho Romillo do Club Kayak de Foz e Domingo Fernández do Cidade de Lugo- coincidiron en sinalar como fundamental para a continuidade na práctica deste deporte e, polo tanto, a consolidación de equipos de base.
Cada regata é organizada por un club, facilitando así que a actividade deportiva pero tamén económica e social que xeneran as probas, que reúnen unha media de 200 palistas, se distribúa por toda a provincia, especialmente, na comarca da Mariña, onde se concentran catro das probas.
O deputado de Deportes Efrén Castro valorou o traballo que realizan os clubs coas categorías de base” e sinalou que “desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo tratamos de apoiar ese esforzo de forma integral, dando soporte económico a competicións como a liga provincial e impulsando tamén iniciativas formativas nos propios clubs e nos centros educativos”.
Calendario de regatas
22 de maio. Portomarín
Organiza Club Fluvial de Lugo
5 de xuño. Ribadeo
Organiza Club Altruán
23 de xullo. San Cibrao (Cervo)
Organiza Club de Piraguismo de San Ciprián
15 de agosto.Viveiro
Organiza Club de Piraguismo de Viveiro
17 de setembro. As Saamasas (Lugo)
Organiza Cidade de Lugo
25 de setembro. Foz
Organiza Club Kayak