O vindeiro 29 de abril ás 20:30 horas Khitara estará no Teatro Pastor Díaz de Viveiro coa súa peculiar visión do rock.
Tras a xira “Khitara: unha viaxe íntima pola historia do rock”, a formación volve ao directo presentando o seu novo Ep homónimo, no que a fusión entre a música clásica e o rock adéntranos nun universo sonoro sen precedentes. Khitara é unha agrupación formada por dúas guitarras clásicas, dúas eléctricas, un caixón flamenco e unha voz solista.
No directo, ademais dos temas do EP compostos por Jose Carballido, a banda revisa grandes clásicos dalgunhas das máis importantes bandas de rock da historia (Deep Purple, Led Zeppelin, Queen, Scorpions, Boston…) adaptándoos á súa curiosa formación. O resultado é unha sonoridade única e moi interesante que combina a dozura das guitarras clásicas coa forza das eléctricas de tal xeito que os temas interpretados acaban converténdose en novas obras.
A formación que acompaña a Carballido (voz e guitarra eléctrica) é unha escolma dalgúns dos mellores músicos da nosa Comunidade: Mónica Pita e Xosé Antonio Rodríguez ás guitarras clásicas, Daniel Añón á eléctrica e Diego Lestón ao caixón flamenco e instrumentos de pequena percusión. A especial sonoridade do quinteto fai que Khitara sexa un espectáculo musical recomendado para toda clase de públicos.