A Concellaría de Cultura programa na axenda para esta fin de semana, un concerto de piano a catro mans no auditorio municipal, que ofrecerán Mercedes Eiros e María Ángeles Ríos. Ademais o domingo Ibuprofeno Teatro representará Raclette, ás 20:00 horas no auditorio municipal Hernán Naval.
O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, anuncia que “un fin de semana máis imos ter moita actividade cultural e de calidade en Ribadeo para sentirnos a gusto e gozar da boa cultura. Este venres, 16 de marzo, ás oito da tarde no auditorio Hernán Naval, imos poder escoitar boa música da man de dúas persoas ben vinculadas a Ribadeo. As dúas intérpretes que nos acompañarán, Mercedes Eiros e María Ángeles Ríos, son veciñas de Ribadeo, ben coñecidas por todas e todos, especialmente por aquelas persoas que estudaron música. Mercedes Eiros estudou no Conservatorio de Santiago de Compostela e é profesora de música no colexio Sagrado Corazón de Xesús. Pola súa banda, María Ángeles Ríos estudou virtuosismo no Conservatorio Superior de Música de Madrid e imparte aulas no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. Convidamos a todas e todos a escoitalas ao piano interpretando obras de Schubert, Beethoven e Rachmaninov. A entrada será de 4 euros”.
O edil ribadense considera que “será unha excelente ocasión para rendermos homenaxe a estas persoas, Mercedes e María Ángeles, tan vinculadas á música en Ribadeo. Será algo moi especial para quen puido estudar música da súa man, tamén será especial para todas as persoas que amamos a música porque xa noutras ocasións tivemos oportunidade de escoitalas e francamente saímos gratamente satisfeitos e emocionados pola boa interpretación. Así que unha vez máis podemos renderlle homenaxe a estas dúas veciñas, especialistas en música e que nos deleitarán con obras de Schubert, Beethoven e Rachmaninov”.
Farruco Graña engadiu que “o domingo toca teatro, ás oito da tarde tamén no auditorio Hernán Naval, e será unha obra con maiúsculas da escena galega. Ibuprofeno Teatro vainos representar Raclette. Santiago Cortegoso dirixe unha acción que se desenvolve nunha cea na que actores e actrices cociñan en directo. Ademais o espectáculo garda certas sorpresas que desde logo non imos desvelar, e mostra a uns personaxes que van rodeando a mesa na que destaparán os seus conflitos a medida que comen. En fin o que pode pasar en calquera familia, reunímonos unha fin de semana coa ocasión das festas patronais, e falamos, desafogamos e afloran pequenos conflitos, coa intensidade dramática de especialistas no teatro como Ibuprofeno Teatro”.
O concelleiro de Cultura contou que “é unha montaxe que tivo unha grande acollida tanto por parte do público como da crítica. Recibiu o premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o Premio María Casares ao mellor texto orixinal, o Premio ao Mellor Espectáculo de Sala na XIX edición da Feria de Teatro de Ciudad Rodrigo, mención especial do xurado do XIX Certamen de Teatro Garnacha de Rioja, foi finalista na XX edición dos Premios Max nas categorías de mellor autoría teatral e mellor dirección de escena, todo un elenco de premios e recoñecementos públicos”.
Farruco Graña indica que “estamos diante dunha crítica especial que nos mostra que se trata dun dos espectáculos que mellor sabor de boca deixan tanto ao espectador de teatro alternativo, como á xente amante do teatro comercial, pero de calidade. Será un pracer que nos vexamos este domingo, ás oito da tarde no auditorio Hernán Naval, para gozar do bo teatro, de Raclette”.