O alcalde, Alfonso Villares, a Delegada de Cultura, Dolores García Caramés, e outros membros da corporación municipal, presentaron este pasado martes a programación do Concello para este Entroido xunto cos representantes das Asociacións Airiños do Xunco, Asociación de Veciños de Lieiro, Rebolaxe, Mulleres Rurais As Espalladoras, Asociación Alborada e CIT San Ciprián.
Os actos comezan coa Cena de Comadres organizada pola Asociación Alborada o vindeiro xoves 20 na Terrada O Noso Lar.
O Desfile de Entroido de Cervo terá lugar o domingo 23 de Febreiro. As inscricións estarán a disposición dos participantes de 17h a 18h no pavillón de Cervo, de onde sairá o desfile que será amenizado por unha charanga. Ao remate haberá un espectáculo e a entrega de premios aos mellores disfraces individuais, parellas, grupos e comparsas. Os premios serán figuras de cerámica de Sargadelos e cestas con produtos típicos de entroido. Para máis información os interesados poden chamar aos teléfonos 617 31 32 07 ou 982 55 76 13.
O luns 24 celebrarase a Festa Infantil de Entroido organizada polo Concello de Cervo na Praza dos Campos a partir das 17:30H.
O martes 25 levarase a cabo a Comida de Entroido organizada polo CIT San Ciprián no Restaurante Buenavista ás 14H.
A continuación terá lugar o Desfile de Entroido de San Ciprián a partir das 18H con saída na Praza dos Campos. Haberá 2.280€ en premios aos mellores disfraces e comparsas, ademais de vales de consumición nos locais de hostalería colaboradores e bolos preñados para os participantes. Ao remate do desfile amenizará un grupo de música e haberá venda de bolos preñados a cargo de A Rebolaxe.