Burela será a sede da XXV Copa da Súa Maxestade A Raíña de Fútbol Sala Feminino, que se celebrará do 14 ao 16 de xuño. O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, asegura que é un auténtico honor e un pracer que a vila fose elixida para albergar este evento.
O edil burelés contou que “no día de hoxe, a Federación Española de Fútbol acaba de elixir Burela como sede para a final da Copa da Raíña de Fútbol Sala Feminino”.
Ramiro Fernández subliñou que “para nós é un auténtico honor e un pracer poder recibir esa competición aquí. Como sempre dixemos, apostamos por campionatos desta índole, non soamente pola repercusión deportiva que ten o propio evento, senón pola repercusión social que ten para toda Burela e incluso para toda a Mariña este tipo de actividades”.
O concelleiro de Deportes comentou que “temos que ter en conta que van vir oito equipos a pasar uns días aquí en Burela con todo o retorno que iso conleva, xa que non soamente virán as xogadoras, senón que tamén virán acompañadas de familiares e seguidores”.
Fernández Rey aproveitou para “agradecer a colaboración económica que nos deu a Deputación de Lugo, xa que sen eles non sería posible traer este evento a Burela. Estamos encantados, foi algo que levou moito traballo conseguir traelo para aquí, pero estamos moi orgullosos de que estea en Burela e intentaremos aproveitalo da mellor maneira posible para promocionar tanto Burela como A Mariña a nivel nacional”.
Esta fase final, que se disputará os días 14, 15 e 16 de xuño no pavillón Vista Alegre, contará cos oito equipos mellor clasificados da liga regular da Primeira División Feminina de Fútbol Sala. A de 2019 converterase na terceira edición como anfitrioa para a vila mariñá. A competición arrincará o 14 de xuño cos partidos de cuartos de final. O sábado 15 chegará o momento das dúas semifinais. Mentres que o partido decisivo será do domingo, 16 de xuño.