
Este sábado, día 15 de marzo, Burela converterase na sede da I Fase Norte do VII Torneo Interescolas, unha competición que reunirá preto de 700 ximnastas procedentes das provincias de Lugo e A Coruña e da comunidade asturiana.
Nesta primeira etapa as participantes competirán co obxectivo de acadar as mellores puntuacións de cara á II Fase, que se celebrará o 17 de maio en Negreira. E os equipos mellor cualificados en ambas fases obterán a clasificación para a final, que terá lugar en Ourense o 28 de xuño.
O evento está organizado pola Escola Porta Norte, club local que competirá cun total de 50 ximnastas na modalidade de conxuntos, e conta coa colaboración do Concello de Burela.
A xornada de competición iniciarase pola mañá ás 9:30 horas e continuará pola tarde a partir das 16:30 horas, convertendo a Burela nun punto de referencia para a ximnasia rítmica nesta fin de semana.