
O Concello de Barreiros organiza durante este mes de marzo varias accións para celebrar o Día Internacional da Muller “promovendo a igualdade e visibilizando o papel fundamental das mulleres na sociedade”.
Este ano, en colaboración co obradoiro de emprego de dinamización que comparte co Concello de Ribadeo, levará a cabo varias actividades aos centros escolares.
No CEIP de San Cosme, este venres, 7 de marzo, ás 11:00 crearase a Árbore da igualdade. O alumnado do centro vestirá unha das árbores do recinto escolar para transformala nunha árbore da igualdade. As nenas e nenos tamén elaborarán pancartas e mensaxes de igualdade e apoio á muller que pendurarán da árbore simbolizando o seu compromiso cunha sociedade máis xusta e equitativa.
Os nenos e nenas do CEIP de San Miguel, xunto co alumnado do obradoiro de emprego, participarán na creación dun mural colaborativo pola igualdade que se realizará ao longo da próxima semana cando a climatoloxía o permita e buscará transmitir unha mensaxe de unión e recoñecemento do papel das mulleres no presente e no futuro.
O acto central terá lugar o venres 7 de marzo ás 12:00 horas na Praza do Concello coa lectura do manifesto institucional. A continuación, como símbolo de esperanza e liberdade, farase unha solta simbólica de bolboretas e entregarase un pequeno agasallo ás persoas alí presentes.
A partir da vindeira semana e durante todo o mes de marzo, a Praza do Concello acollerá a exposición fotográfica Mulleres x Mulleres, unha mostra que recolle as historias de vida de 12 mulleres barreirenses, poñendo en valor os seus logros e achegas. A iniciativa busca destacar o potencial das mulleres do pasado e do presente, ofrecendo referentes para as xeracións futuras. Unha vez finalice na praza, a exposición trasladarase aos centros educativos do municipio para achegar estas historias ao alumnado e que coñezan ás mulleres protagonistas.