A concelleira de Xuventude, Gemma Méndez Leivas, anuncia a apertura do prazo de inscrición do programa Aberto x Vacacións.
Os nenos e nenas, entre 3 e 12 anos, que desexen pasar as mañás máis divertidas nos meses de xullo e agosto, xa poden facer a súa pre inscrición.
Gemma Méndez subliña que “deberemos continuar con precaución e seguir as recomendacións das autoridades sanitarias, con limitacións de aforos, dalgunhas actividades,... como o fixemos na edición 2020. Pero xa sabemos que non serán impedimento para pasalo en grande. A pre inscrición pode realizarse por quendas e o prazo estará aberto ata o vindeiro 8 de xuño”.
E engade: “terán prioridade aqueles nenos/as cuxos proxenitores traballen, así como familias monoparentais ou monomarentais na mesma situación e os/as menores empadroados/as no Concello de Foz. Como no ano 2020 as actividades desenvolveranse en dúas ubicacións e seguirase un protocolo de prevención de contaxio da Covid19 exhaustivo, como o realizado na edición de 2020, e ao que as nenas e nenos se adaptaron de forma moi rápida. As olimpiadas, os inchables acuáticos, karaokes, contacontos, xogos tradicionais e de expresión corporal,... formarán parte deste programa para que cada mañá sexa diferente e divertida”.