Ata o 5 de setembro permanecerán activas a ludoteca e o campamento mondopeque. Trátase de dúas iniciativas que coordinan conxuntamente as concellerías de Muller e de Política Social, e coas que o Concello pretende favorecer a conciliación durante a época de vacacións escolares.
Tanto a ludoteca, con 37 nenos inscritos, como mondopeque están a ter unha gran acollida, converténdose na opción escollida polas familias para poder compaxinar a vida familiar coa laboral durante o verán.
Dende a entidade local animan aos rapaces que aínda non o fixeron a anotarse en sendas iniciativas, pois “están pensadas para que os nosos nenos e nenas teñan unha experiencia agradable”. E é que tanto na ludoteca, como no campamento desenvólvense actividades coas que os máis pequenos se divirten a través de xogos educativos e de convivencia. “Pensamos que este debe de ser o enfoque das súas programacións: xogar e aprender dun xeito construtivo e formativo”, conclúen.
Para a súa posta en marcha, o Concello adheriuse ás axudas de conciliación que impulsa a consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e, que no caso de Mondoñedo, a achega foi de 21.000 euros.