A sala de exposicións da Casa da Cultura de San Ciprián acolle ata o 28 de xuño a mostra fotográfica Enfocando Historias, un proxecto levado a cabo por mozos e mozas de Down Lugo, coa colaboración da Fundación Teléfonica, baixo a tutela da fotógrafa Aleksandra Dmitrieva; e que tamén contou nesta ocasión co apoio da Fundación Alcoa e o seu Plan de Voluntariado, que brindaron, ademais, a súa axuda na montaxe da exposición.
Á inauguración asistiron o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Cultura, Dolores García Caramés, e outros membros do equipo de Goberno, ademais da xerente da Asociación Down Lugo, Delfina Pérez, representantes de Alcoa, persoas usuarias da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña; e os propios autores, autoras e protagonistas da mostra: rapaces e rapazas de Down Lugo que describiron aos presentes o gratificante da experiencia e contaron como é o seu día a día, a súa loita por acadar a plena inclusión, por atopar un oco no mercado laboral para o que se están capacitando e formando.
O proxecto desenvolveuse en catro fases. Primeiro os particinantes recibiron clases teóricas para familiarizarse con conceptos básicos de fotografía e comezaron coa labor de idear historias. A segunda fase foi unha viaxe realizada á Mariña e á Praia de Penarronda (Asturias) para plasmar en instantáneas esas historias. A terceira adicouse a seleccionar fotografías e ao tratamento das mesmas con diferentes programas. E a última é a de compartir con todos nós o resultado deste traballo que fora exposto ata o de agora tan só na Capela de Santa María de Lugo.
Villares alabou o gran traballo dos rapaces de Down Lugo, e apuntou que “desde Cervo sempre estamos dispostos a colaborar en iniciativas coma esta, tan enriquecedoras, e que contribúen a logran a integración total deste colectivo, un obxectivo que debe ser un prioridade e unha responsabilidade de todos e todas”.
Desde Down Lugo apuntaron que iniciativas coma esta permiten levar a cabo actuacións que favorecen a eliminación daqueles factores que contribúen á inactividade, ao illamento e á non participación social das personas con discapacidade.