O Concello de Cervo pon en marcha unha nova edición do programa Cervo Concilia a partir do próximo 1 de Xullo.
Este programa componse dun completo calendario de actividades educativas e lúdicas pensadas para entreter ás crianzas nestas datas de lecer, sen deixar de lado a aprendizaxe e incidindo especialmente no concepto da conciliación das familias.
Cervo Concilia esténdese durante os meses de Xullo e Agosto de luns a venres, en horario de 09:00h a 14:30h. O programa, de balde, está dirixido ás familias empadroadas no Concello de Cervo.
A delegada de educación, Dolores García Caramés, sinalou que “seguimos apostando por este programa dado os grandes resultados obtidos na primeira edición, e cremos que é fundamental seguir a impulsar este tipo de políticas de conciliación laboral e familiar coas que se pretende contribuír a facer más fácil o día a día da nosa veciñanza”.
As inscricións xa están a disposición das familias na Casa da Cultura de San Ciprián e na Casa do Concello. O prazo para anotarse remata o 27 de xuño cando terá lugar unha reunión informativa ás 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura, para perfilar os detalles da actividade. As prazas son limitadas.