O Concello de Mondoñedo vén de convocar a segunda edición do concurso fotográfico ‘O mellor recuncho de Mondoñedo’, que baixo o lema ‘Elixe o lugar de Mondoñedo que máis che gusta’, ten por finalidade a elaboración dun calendario para o vindeiro ano 2018, coas mellores imaxes dos lugares preferidos da localidade.
A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, e o edil de Educación, Alberto García, precisan que, polo tanto, o obxectivo será elixir doce fotografías, unha por cada mes do ano, que ilustrarán o calendario municipal de 2018.
As bases deste concurso, que contou cunha moi boa acollida na súa primeira edición, establecen que pode participar todo aquel que o desexe; limitan o envío a un máximo de dúas fotos por persoa e establecen como prazo para remitir as instantáneas ata o luns 20 de novembro. As imaxes deberán ser enviadas en formato dixital ao enderezo electrónico recunchosdemondonedo@gmail.com , xunto ao nome, á idade e ao teléfono de contacto do participante.
O xurado encargado de seleccionar as doce fotografías que ilustrarán o calendario municipal de 2018 estará composto por fotógrafos profesionais e por persoal da Oficina de Rehabilitación do Concello de Mondoñedo. Ademais, os autores das tres mellores fotografías recibirán cadanseu premio que consistirán nunha taza e nunha camiseta de Mondoñedo co lema ‘Mil historias que vivir’, xunto a un libro. Os premios entregaranse no Nadal nun acto durante o que tamén se aproveitará para presentar o calendario municipal de Mondoñedo para o ano 2018.
Por último, tanto Candia como García animan a todos os veciños a participar nesta iniciativa que “nos permite desenvolver o sentimento que temos pola nosa cidade, polos lugares que nos traen os nosos mellores recordos, por aqueles que máis sentimos ou polos que simplemente máis nos gustan”. Así, dende o Goberno local destacan de novo o aspecto “sentimental” desta iniciativa xa que “permitirá aos participantes mergullarse nas súas vivencias na cidade e no rural, recorrer os recunchos que máis lles apaixonen e facelo en complicidade coa familia”.