O Concello de Foz quere conmemorar o día Mundial do Medio Ambiente e o Día Mundial dos Océanos este mes de xuño coa exposición da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial.
Esta mostra cedida po lo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, pon de relevo os valores ambientais e patrimoniais do noso mar. Pero o mar é algo máis que reserva de peixe ou vía de comunicación. Así, nas aceas, a auga déixase canalizar ata os rodicios para aproveitar as marés. O mar é lugar de tráfico, de intercambio, de comercio. É tamén un espazo susceptible de balizar, de vixiar, de protexer. Daquela, foron levantadas fortalezas para defender a beiramar para eventuais agresores; fachos, luces e faros alumearon para clarear as singraduras dos navíos. Existe, xa que logo, as que se deron en chamar "xentes do mar", que abranguen todas as angueiras relacionadas co medio mariño. E dentro da súa diversidade, teñen regras e leis propias; as súas tradicións e o seu "saber-facer". Ao cabo dos séculos, esta sorte de confraría teceu o seu universo deixando acá e acolá pegadas, discretas ou rechamantes, do seu devir: arquitecturas con ou sen arquitectos (quer dicir, edificios de orixe civil, militar ou popular); as cousas; utensilios; barcos; imaxes; técnicas; toponimias; fala;... Este conxunto, que ben puideramos rotular como "Patrimonio Marítimo", compón un verdadeiro tesouro con múltiples alfaias, naturais ou non case todas ameazadas ao día de hoxe.
A exposición estará no Cenima ata o 17 de xuño.