O Programa de Emprego para as Persoas Mozas Vencellos da Memoria, que se está a desenvolver nos concellos de Ribadeo e Barreiros -unha operación cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Social Europeo (FSE)- inaugurou este venres a exposición Viaxe no Tempo na praza do Concello de Barreiros. Colabora a Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través da Rede Museística Provincial de Lugo.
Viaxe no Tempo foi deseñado, creado e organizado pola especialidade de Produción Fotográfica do Programa de Emprego para as Persoas Mozas Vencellos da Memoria que está composta por: Joaquín Dorado, Lucía Expósito, Cristina García, Sara García, Cristian Prado, Araceli Rasilla, Noemí Rubio e Mónica Santos.
A inauguración contou coa presenza da xerente da Rede Museística Provincial de Lugo (Vicepresidencia da Deputación de Lugo) Encarna Lago, a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, o concelleiro de Dinamización e Participación Veciñal, Daniel García, e o concelleiro de Economía, Desenvolvemento Local e Turismo do Concello de Ribadeo, Pablo Vizoso.
O proxecto é de difusión e colaboración cos concellos de Ribadeo e Barreiros, así como cos habitantes dos mesmos, que adopta dúas actuacións diferentes en cada un dos municipos.
Trátase, por unha banda, dunha recopilación de imaxes fotográficas antigas doadas polas veciñas e veciños de Barreiros para a súa dixitalización, restauración e, en casos concretos, o seu coloreado. Por outra banda, en Ribadeo, recuperáronse as imaxes que xa foran doadas polos ribadenses para o proxecto Ribadeo na Memoria.
Fíxose unha convocatoria a través das redes sociais, coa colaboración do Concello de Barreiros, convidando á participación. As fotografías recolléronse e escaneáronse (e devolvéronse a propietarios e propietarias), o que permitiu traballar na versión dixital. Unha vez dixitalizadas, ordeáronse e catalogáronse, grazas ao cal logrouse facer esta selección coa que podemos volver atrás no tempo e descubrir o pasado do municipio.
A exposición poderase visitar ata finais de agosto, de luns a venres e de 8:30 a 14:30 na praza do concello de Barreiros, en San Cosme, cunha parte que itinerará por varias prazas do municipio.