A Asociación Cultural e Xuvenil O Castelo, de Alfoz, convoca un concurso co gallo do Día das Letras Galegas. O certame terá dúas modalidades: unha de narrativa (relatos curtos) e outra de debuxo.
Na modalidade de narrativa os traballos deberán estar en lingua galega e a temática será libre. A de debuxo terá unha temática libre e as obras deberán estar feitas nunha cartolina tamaño DIN A4. Se ten algún tipo de texto deberá estar en galego.
Haberá catro categorías: ata 5 anos, de 6 a 8 anos, de 9 a 11 anos, e de 12 a 16 anos. E entregaranse premios para os mellores traballos de cada modalidade e categoría.
O prazo de presentación das obras remata o día 20 de maio de 2022.
Os participantes deberán cubrir unha folla de inscrición para cada traballo que presenten e entregar as obras na biblioteca da Casa da Cultura de Alfoz ou escaneados mediante o correo electrónico asociacion.ocastelo@gmail.com co asunto “Concurso Letras Galegas 2022” e con todos os datos que se piden na folla de inscrición. Se se escolle esta última opción deberase conservar o traballo físico, que será requirido en caso de gañar un premio. Poderanse remitir dous traballos por modalidade e participante.
A organización do certame resérvase o dereito de publicar as obras que considere oportunas e excluiranse todas aquelas que teñan connotacións racistas, sexistas, xenófobas ou ofensivas contra persoas ou institucións.
Os traballos deberán ser inéditos e non poden estar pendentes de fallo doutro xurado.