A asociación de veciños de San Vicente de Lagoa, en Alfoz, programa para o Nadal actividades para as nenas e os nenos. Serán os días 18, 26 e 27 de decembro.

O vindeiro domingo, 18 de decembro, ás 16:00 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura de Alfoz, terá lugar a representación "A Apalpadora" de Velaisca. A actuación forma parte da Programación de Nadal da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, a quen queren agradecer a oportunidade de desfrutar deste espectáculo infantil. A entrada é libre e de balde.

Sinopse: " Dende as montañas máis profundas da nosa terra chega a Apalpadora!. A filla do lexendario Apalpador colle o testigo do seu pai e baixa nestas datas para visitar aos nenos e nenas galegas. Cun cesto cheo de castañas e os seus tradicionais xoguetes de madeira contaravos como é a vida na alta montaña e as súas maravillosas lendas para transmitir valores como o respecto polo monte,  o coidado do rural e a importancia dunha alimentación sa e sostible.

Ademais teredes a posibilidade de agasallar cun conto ou cun cancioneiro da Apalpadora para encher de cor e natureza os vosos fogares!"

Os días 26 e 27 de decembro, organizaranse na Escola da Pinguela de Lagoa, as Tardes de Nadal para nenas e nenos de 3 a 12 anos, desde as 16:00 ata as 19:00 horasnas que se inclúen distintas propostas: manualidades, xogos, tradicións de Nadal e merenda.