
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) organiza un roteiro por Barreiros para este domingo, día 16 de marzo. Para participar hai que reservar a praza antes do venres 14 de marzo ás 13 horas.
ADEGA anuncia: “o vindeiro domingo 16 de marzo achegarémonos ata a Mariña lucense para coñecer a mina de ouro da Cova, situada no entorno da ría de Foz, e xa pola tarde achegarémonos ata a fraga de Santo Estevo do Ermo, en Barreiros. O percorrido pola ría é de 6 quilómetros (dificultade baixa) e o de Santo Estevo, 2 quilómetros (dificultade media). A ruta iniciarase en Viladaíde, onde deixaremos os coches e dende onde comezaremos a camiñada cara á ribeira da ría de Foz. Neste tramo, faremos unha pequena travesía pola zona intermareal, seguindo un percorrido con fermosas vistas da ría ata chegar á zona da mina romana de ouro da Cova. Ao longo deste tramo poderemos observar numerosos vestixios desta antiga explotación aurífera. Pasaremos pola lagoa de Pallares ou dos Patos e chegaremos ata o lugar de Pallares. Dende alí, regresaremos aos coches por pistas e camiños que atravesan esta extensa explotación romana. Unha vez de volta en Viladaíde colleremos os coches para desprazarnos ata a fraga de Santo Estevo do Ermo, onde xantaremos. Pola tarde, realizaremos un pequeno pero intenso percorrido polos tesouros que agocha esta máxica fraga. Durante esta parte da ruta, faremos unha parada na parcela adquirida por Eira da Xoana - ADEGA. O percorrido pola fraga require especial precaución, xa que hai tramos húmidos e esvaradíos, polo que é recomendable levar bastóns. Chegaremos ata a Fonte de Santa Rosa, onde os participantes poderán seguir o rito ancestral de deixar un anaco de tea ou pano de fibras naturais na contorna da fonte. Dende este punto, regresaremos ao inicio pasando polo Revertedoiro (fervenza) e continuando ata o lugar onde quedaron os coches”.