Alumnado do colexio Gregorio Sanz, de Ribadeo, gravou un vídeo en apoio do comercio local. Deste xeito dan as grazas a Acisa.

Os alumnos e alumnas do CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo de 6º de primaria, trasladáronlle a ACISA Ribadeo varios vídeos e audios nos que agradecen a colaboración do comercio local asociado coa elaboración dunha cesta especial de Nadal para recadar fondos para a súa excursión e ademais neles subliñan a importancia do comercio da nosa vila.

O presidente de ACISA Francisco Iriarte dixo: “estamos moi contentos de que os nen@s tan xoves de Ribadeo sexan conscientes da importancia que ten o comercio local, das súas vantaxes, e de que prefiran mercar na vila que por internet. E por suposto quero agradecerlles este traballo audiovisual, xa que creo que nós non puidéramos ter deseñado unha campaña de concienciación mellor que esta”.

O xerente de ACISA Ribadeo, Jesús Pérez indicou: “temos que destacar que foi unha iniciativa deles e estamos moi agradecidos por elo. O audio e un dos vídeos fala da importancia que ten mercar na vila, os beneficios comúns que xera, as diferenzas con mercar por internet, as vantaxes de comprar en Ribadeo podendo ulir, tocar e probar os produtos, a calidade dos mesmos, as garantías.... No outro dos vídeos agradecen a colaboración prestada polo comercio para elaborar unha cesta especial que sortean para recadar fondos para unha excursión, tamén feito por eles.”

Iriarte engadiu: “é moi grato ver como uns pícaros tan pequenos de motu propio son tan agradecidos e son conscientes do esforzo dos comercios cando colaboran con estas actividades”. Os vídeos poden verse na web do centro educativo. https://www.edu.xunta.gal/centros/ceipgregoriosanz/node/1338

Segue a programación de Nadal
Tras a apertura onte domingo de RibaXogo, que continua cunha gran cantidade de actividades, e o éxito que está a ter a entrega de rifas para a IX Festa do Comercio, este xoves, 26 de decembro, as 18:00 horas no Teatro de Ribadeo, ACISA en colaboración co seu asociado Kids&Us, levarán a cabo unha pequena obra teatral, StoryTime: The Elf´s Inventions,  para nenos e nenas de todas as idades.

Francisco Iriarte subliñou que “a entrada é gratuíta. Animamos a todos os pícaros a pasar un anaco da súa tarde vendo esta interesante obra de teatro; é de duración breve polo que poden ir vela e despois ir xogar a RibaXogo. Cremos que é unha boa forma de completar a variada oferta lúdica que presenta Ribadeo neste Nadal”.