Alfoz entrega os premios do concurso de postais de Nadal co Apalpador este sábado, 14 de decembro

O Concello de Alfoz entrega os premios da vixésimo segunda edición do concurso de postais de Nadal e ofrece o espectáculo O Apalpador e as palabras perdidas este sábado, día 14 de decembro. Será ás 19:00 horas no salón de actos municipal e haberá un agasallo para todas as nenas e nenos asistentes.

 “O Apalpador e as palabras perdidas é un espectáculo de teatro actoral, monicreques, hologramas música e moito agarimo. Un espectáculo que non deixará indiferente a ninguén e no que os xogos tradicionais e as palabras perdidas serán grandes protagonistas. Ben é sabido que O Apalpador baixa cada ano dende o Courel para traer castañas e agasallos e dende que coñeceu á nena sen medo tamén coñeceu novas palabras; palabras en galego, mais algunhas van esquecéndose mesmo para el. Un retorno ao pasado faranos lembrar. Buscaremos, atoparemos e recuperaremos xoguetes e palabras que foron esquecidas por moitas persoas. Así esas palabras poderán volver ás nosas vidas na noite do Nadal en forma de agasallo para seguir aprendendo e gozando dunhas tradicións e dun idioma tan máxicos como fermosos. Ao acabar a función farase entrega dos premios aos gañadores do XXII Concurso de Postais de Nadal, todos os participantes levarán tamén un diploma”, anuncia o Concello de Alfoz.

As postais estarán expostas na entrada da Biblioteca.