Acisa e o Ribadeo FC sortearon 800 euros en vales de compra para consumir nos establecementos asociados ao colectivo empresarial. O primeiro sorteo, que foi presencial, tivo lugar o pasado sábado no estadio municipal Pepe Barrera. E o segundo, non presencial, celebrouse esta mañá nas oficinas de Acisa.
O nº 180 foi o gañador dos 300 euros en vales de compra, que o pasado sábado se sortearon no estadio municipal Pepe Barrera ao remate do partido que disputaron o Ribadeo FC e o Lalín.
As mans inocentes duns pícaros foron as encargadas de remexer a urna e de sacar o número agraciado, ante a presenza do presidente do club ribadense, Pedro Posada. O premio foille entregado ao afortunado Adrián Rico pola presidenta de Acisa, Carmen Cruzado.
Acisa e o Ribadeo FC uníronse hai unhas semanas para poñer en marcha esta nova campaña. A cantidade total de premios que se sorteou foi de 800 euros en vales de compra de Acisa Ribadeo, 500 euros aportados directamente por Acisa e 300 polo Ribadeo FC, repartidos da seguinte forma: un premio presencial de 300 euros en vales de compra, que foi sorteado hoxe no Pepe Barrera na última xornada de liga. E 500 euros en vales de compra, divididos en varios premios, que foron sorteados hoxe nas oficinas de Acisa a porta pechada e mediante un sistema de xeración de números aleatorios. Tres premios de 50 euros para cada un, que recaeron nos números 365, 465 e 512. Un premio de 150 euros que é para o número 336. E o premio de 200 euros que lle correspondeu á rifa nº 230.
Os premios poderán ser reclamados ata o 26 de maio. De non ser reclamado algún deles volveranse a sortear o 27 de maio cun prazo para ser reclamado ata o 2 de xuño. De non aparecer algún dos números agraciados nalgún dos premios considerarase definitivamente deserto ese número.
Éxito das xornadas da cabala
Acisa fai unha valoración moi positiva das primeiras xornadas da cabala, que se desenvolveron en 21 locais hostaleiros durante a ponte das Letras Galegas: “a cita gastronómica foi un aliciente para ribadenses e visitantes, que puideron degustar un peixe de tempada en máis de trinta elaboracións”. A directiva de Acisa reitera o agradecemento á OPP-7 Porto de Burela, que entregou de xeito gratuíto 90 quilos de cabala para a celebración destas xornadas: “agardamos poder seguir contando coa súa colaboración co obxectivo de apostar polo consumo de peixe a través de xornadas gastronómicas ou tapeos en diferentes épocas do ano e contribuír á dinamización do sector hostaleiro de Ribadeo”.