Esta promoción especial O teu café ten premio enmárcase no Campionato Internacional de Baristas e de Cata de Cafés que se vai celebrar no IES de Foz.
O presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo, explica que “aquelas persoas que tomen o café en Anduriña, Bar 78, Dandy, Los Dulces de Delphine, Marexada, O Muelle Bar, Tangarte e Xoyma entre os días 19 e 25 de febreiro participarán no sorteo dunha cesta especial composta por produtos doados polas empresas colaboradoras así como un vale de compra de AciaFozCCA de 50 euros”. O sorteo terá lugar en Radio Foz o 28 de febreiro.
José Manuel Martínez, xuíz barista e traballador na hostalería desde hai máis de trinta anos comentou que “esta promoción é un incentivo, unha forma de apoiar e de ir da man con este importante Campionato Internacional de Baristas, que se celebra en Foz, e que contribúe á dinamización económica do noso pobo durante unha semana”. E engadiu: “son oito os locais participantes en O teu café ten premio neste 2024. Agardamos que a cifra vaia en aumento nos vindeiros anos”.
As firmas colaboradoras son: Arnao vermut, Biscoff, Cafento, Candelas, Distribuciones Carreiras, Castillo San Damián, Café Dromedario, Cafés Foronda, Mafari Café, OTC Group, Templo Cafés, CoffeeUrbanRoasters e Veracruz.
AciaFozCCA organiza esta campaña coa colaboración da Xunta de Galicia, o Concello de Foz e o IES de Foz. Na presentación participaron José Carlos Paleo, José Manuel Martínez, o alcalde focego, Fran Cajoto, e a concelleira de Comercio, Katherina Navarro.