700 establecementos da Mariña participan en Merca e Gaña polo Nadal, a campaña de sensibilización e promoción das compras no pequeno comercio, que puxo en marcha a Deputación a través da Federación de Comercio de Lugo. O Voceiro do Goberno Provincial, Álvaro Santos Ramos, e o Presidente de dito colectivo, José María Seijas López, informaron sobre esta iniciativa a veciños de Viveiro, acompañados pola Alcaldesa deste Concello, María Loureiro. As persoas que merquen en ditos establecementos da Mariña ata o 6 de xaneiro participarán no sorteo de 40 premios por valor de 10.000 euros, que poderán reinvestir en novas compras no comercio local.
Santos Ramos apuntou que “estamos nunha época de demanda e consumo, na que queremos convidar aos cidadáns a comprar no comercio local, a comprometerse cos seus veciños, cos seus Concellos, coa vida das súas rúas....Unhas 1.500 familias da Mariña viven do comercio local e teñen unha ferreteria, unha mercería, unha zapatería, unha tenda de roupa... que xeran emprego e dinamizan económica e socialmente a Comarca. As compras do Nadal representan entre o 25% e o 30% das vendas anuais. Queremos axudar aos pequenos establecementos xerando un movemento circular no que aportamos, atraemos aos veciños a mercar nos establecementos das súas vilas e volvermos a aportar, reinvestindo os premios no comercio local. Os profesionais do noso comercioe a provincia necesítannos. Merquemos no comercio local e gañemos todos”.
“O comercio de Viveiro necesítao de xeito especial”
Loureiro García agradeceu á Deputación que “traía a Viveiro esta iniciativa para potenciar as compras nos establecementos do noso Concello, pois este ano tras a riada do pasado mes que afectou de xeito especial ao comercio local, con todas as consecuencias que sofre, pois algún profesional aínda non puido volver a abrir e outros o fan agora, e máis necesario que nunca axudar aos nosos comerciantes. Merquemos nos nosos establecementos porque todos o necesitamos”.
Seijas López subliñou que “o obxectivo fundamental desta campaña é encher de Nadal a provincia de Lugo e crear ese ambiente festivo e alegre propio destas datas fomentando as compras. Ademais con esta iniciativa apostamos por incentivar o uso das novas tecnoloxías, tanto por parte dos consumidores como dos comerciantes, pois temos claro que a dixitalización do comercio é o presente, un paso obrigado”.
Como participar
Merca e Gaña polo Nadal desenvolverase dende xa e ata o 6 de xaneiro. Durante este período, incentívanse as compras no comercio local con material promocional nas rúas dos 67 Concellos ou en redes sociais co hashtag #nadalmercaegaña.
As persoas que merquen en calquera dos establecementos da provincia poderán participar no sorteo de 20 tarxetas regalo de 300 euros e outras 20 de 200 euros.
Para elo, débese fotografar o tícket da compra e rexistrala en www.nadalmercaegana.comou solicitar o seu rexistro ao comerciante. O sorteo ante notario será o 11 de xaneiro. Máis informaciónen www.nadalmercaegana.com.