Preto de 140 integrantes de seis asociacións participan esta semana no programa Coñece a túa provincia, a terceira edición dunha iniciativa de viaxes gratuítas organizada pola Deputación de Lugo. Este martes, o xoves e o venres, veciñanza de Antas de Ulla, Meira, Guntín, A Fonsagrada, Begonte e Portomarín visitarán o patrimonio natural e cultural das comarcas da Mariña e a Ribeira Sacra.
A Asociación de Amas de Casa Dorra-Senande, de Antas de Ulla, e a Asociación Cultural Airiños do Miño, de Meira, son as primeiras entidades en viaxar esta semana. O colectivo ulloán fixo a primeira parada no Pazo de San Marcos e despois puxo rumbo ao concello de Cervo, onde visitou a Fábrica de Sargadelos ou a vila de San Cibrao. Os de Meira visitaron o Centro de Interpretación Terras do Miño para, posteriormente, desprazarse a Taboada e Chantada, onde descubriron o patrimonio románico.
O xoves será a quenda da Asociación de Veciños Santa Eulalia de Lousada, de Guntín, e a Asociación Local de Pensionistas e Xubilados da Fonsagrada. A primeira parada da entidade de Guntín será a Produtora de Audiovisuais da institución provincial e, unha vez rematada a visita, achegaranse ao Saviñao, onde visitarán o Ecomuseo Pazo de Arxeriz ou o miradoiro Cabo do Mundo. Pola súa banda, o Pazo de San Marcos e os concellos de Lourenzá e Mondoñedo serán as paradas que fará o colectivo fonsagradino.
Xa o venres será a quenda da Asociación Cultural Deportiva Santiago de Felmil, de Begonte, que visitará o Mazo de Santa Comba e posteriormente percorrerá os concellos de Sober e Monforte. Na mesma xornada, a Asociación de Pensionistas e Xubilados O Ramallo, de Portomarín, coñecerá as instalacións do Pazo de San Marcos e viaxarán a Lourenzá e Mondoñedo.