A décimo cuarta edición do Ribadeo de Tapeo arrinca mañá, sábado, coa participación de 45 establecementos hostaleiros, que ofrecerán as súas creacións en miniatura ao prezo de 1,5 euros ata o 19 de maio. Será o día 20 cando un xurado profesional elixa as mellores tapas das 16 que se presentan voluntariamente a concurso. Dese xurado formarán parte, entre outros, cociñeiros como Álvaro Villasante, Bruno Lombán, Manicha Bermúdez ou Toñi Vicente. O público tamén elixirá a súa mellor tapa e a mellor barra. O concurso gastronómico estrea páxina web: tapeo.ribadeo.gal e a app oficial estará dispoñible a partir da vindeira media noite.
O alcalde, Fernando Suárez, salientou “a enorme satisfacción de chegar a décimo cuarta edición destas xornadas de Ribadeo de Tapeo. Están organizadas desde a área de Desenvolvemento Local e contribuímos a dinamizar neste caso o sector da hostalería local nun momento un tanto baixo, porque xa non hai Semana Santa e aínda non veu a tempada alta do verán”.
O rexedor dixo que “se trata de ter un reclamo, como sempre dicimos, para vir a Ribadeo, para que veñan os nosos amigos e veciños dos concellos cercanos, tanto da Mariña como do Occidente asturiano e dar o mellor da gastronomía en miniatura, que é o que son as tapas. Estes 45 establecementos que se anotaron, nos límites deste récord que temos nestes últimos anos, do 11 ao 19 de maio, ofrecen 45 razóns para vir a Ribadeo a probar cada unha das tapas que estes establecementos da vila e de varias parroquias queren ofrecer aos seus clientes habituais, pero tamén a moita outra xente que sempre se achega a degustar novas experiencias, novos locais e con toda a serie de actividades que paralelamente organizamos desde o Concello de Ribadeo”.
Pola súa banda a concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo, Ana Martínez, explicou que “son catorce anos disfrutando do Ribadeo de Tapeo, 45 establecementos e mañá, sábado, convidamos a todos e a todas a achegarse a Ribadeo a gozar desta festa gastronómica onde, ademais de vir poder degustar as tapas, tamén os participantes terán opción a premio porque hai premio facendo as rutas que están organizadas nos diferentes tramos, e que se poden ver no libriño que, como todos os anos, imos dar nos establecementos participantes”.
A edil sinalou que “o formato de Ribadeo de Tapeo 2019 é similar aos últimos tempos. Haberá posibilidade de que o público elixa a tapa gañadora, a través das tarxetiñas que se irán depositando nos diferentes establecementos, e tamén se elixirá a barra gañadora nestas tarxetiñas. Por outro lado, dos 45 establecementos participantes, 16 vanse presentar tamén ao premio do xurado profesional. Ese día será o 20 de maio, xa ao final do Ribadeo de Tapeo, no restaurante Voar, onde o xurado será o que decidirá ese premio. Contamos este ano con Bruno Lombán do Restaurante Quince Nudos, de Ribadesella, que ademais está vinculado familiarmente a Ribadeo, temos tamén a Álvaro Villasante, que é o chef do restaurante Paprica de Lugo, e Maricha Bermúdez, que é a alma máter do Restaurante La Taberna Rotilio, de Sanxenx, que recibiu o premio Picadillo 2017 no Fórum Gastronómico. Contaremos tamén coa recoñecida cociñeira, e ademais un referente da muller na cociña galega, Toñi Vicente, e cos colaboradores habituais dos últimos tempos Miguel Ángel Sánchez e Ana Martínez, que son docentes e profesionais da hostalería. Queremos agradecerlles a todos eles a súa participación neste Ribadeo de Tapeo 2019”.
Martínez engadiu que “o prezo da tapa se mantén en 1´5 euros, e este ano temos tapas gastroaccesibles. Unha decena de locais contarán con tapas aptas para celíacos e para vexetarianos. Nesta labor quero agradecer o traballo da Asociación de Celíacos de Galicia que nos axudou á selección destas tapas. Importante tamén é que o ano pasado iniciamos outro novo xogo para poder disfrutar do Ribadeo de Tapeo, que é a gastroxincana. Este ano o 16 de maio contaremos coa segunda edición, onde é un xogo por equipos e onde tamén os asistentes poderán disfrutar e divertirse dun xeito moi agradable. Habilidade e coñecemento conxugaranse e a xente que queira participar, que ademais convido a que o fagan, poden facelo a través do correo gastroxincanaribadeo@gmail.com ou ben chamando á oficina de turismo para informarse. A información do Ribadeo de Tapeo está moi accesible nos últimos tempos, e este ano contamos cunha nova páxina web que está organizada desde o Concello de Ribadeo, que é tapeo.ribadeo.gal, que xa está aberta e poden verse aí as tapas participantes. Ademais temos as apps: Ribadeo de Tapeo, Ribadeo Gastronómico ou Quedamos de Tapas”.