Do 18 ao 20 de abril celebrarase en Foz a 16ª Ruta de Tapas, que organiza o Centro Comercial Aberto. Nesta tradicional cita gastronómica, que coincide coa Semana Santa, participarán 15 establecementos hostaleiros que ofrecerán as súas creacións desta cociña en miniatura en horario de 13 a 15 horas a mediodía e de 20 a 23 horas polas noites.
O presidente do CCA focense, José Carlos Paleo, sinala que “estamos ante unha ruta que xa é un clásico na Semana Santa de Foz. O que pretendemos é ofrecer unha alternativa gastronómica atractiva para as moitas persoas que pasan eses días na nosa localidade e nesta comarca e tamén para os veciños e as veciñas de Foz”. Para Paleo “da gusto ver o ambiente de viños e de tapas que se crea eses días na vila. Así que animamos a todo o mundo a que do 18 ao 20 de abril se acheguen a Foz a saborear algunhas das tapas que vai preparar a nosa hostalería e a dar unha volta polo pobo”.
Na 16ª Ruta das Tapas participan A Bolera, Aroma Café, Bar 78, Bar O Pelolo, Cafetería Express, Cafetería Happy Days, Cafetería Mayros, Cafetería Pastelería Anduriña, Cafetería Restaurante Xoyma, Espacio Machete, O Muelle Bar, Restaurante Costumes do Mar, Restaurante Dandy, Tangarte Mariñeiro e Tangarte Mesón. O prezo das tapas que se poderán degustar nestes locais será de 2 euros.