O libro "A cova do Rei Cintolo", de Xurxo Lorenzo e Javi Fouz, preséntase o 5 de abril na Librería Bahía, en Foz.

A Librería Bahía de Foz acolle este venres, 5 de abril, a presentación do libro A cova do Rei Cintolo.

No acto, que dará comezo ás 20:30 horas, estarán os dous autores da obra: Xurxo Lorenzo e Javi Fouz.

A cova do Rei Cintolo é o primeiro gran libro sobre a gran cova galega, no que recolle o coñecemento completo en todos os eidos posibles, dende a historia, as lendas, etimoloxía, arqueoloxía, xeoloxía, bioloxía, descrición detallada do interior, os nomes das salas e formacións coa súa explicación, e visitantes ilustres, entre outros temas. A información presentada neste libro é resultado de anos de investigación de arquivos, periódicos e entrevistas persoais, coa contribución de máis de oitenta persoas, de Galicia e tamén de fora, que aportaron material ou información que doutro xeito teríase perdido.

Xurxo Lorenzo é espeleólogo mindoniense e cofundador do Espeleo Clube Rei Cintolo en 1998. Javi Fouz, espeleólogo madrileño fortemente vinculado a Mondoñedo, entrou por vez primeira na cova en 1988, participando nunhas xornadas de recuperación estética e ambiental.