Un xurado profesional vén de fallar o terceiro concurso de fotografía ‘O meu recuncho de Mondoñedo”, que anualmente convoca o Concello e que este ano suma xa a súa terceira edición. A fotografía gañadora é de Andrea Gacio, na que se reflexan os cabalos, de tanta relevancia en Mondoñedo, pastando nos montes da localidade.
O xurado, integrado por fotógrafos dos xornais El Progreso e La Voz de Galicia, así como por estudantes de fotografía; fallaron o segundo e o terceiro premio para José Antonio Pasarón e Marcos Candia, respectivamente.
Ademais, de entre o total de fotografías recibidas, tamén se seleccionaron 13 instantáneas coas que se elaborará dende o Concello o calendario para o vindeiro ano 2019. Os autores das instantáneas que ilustrarán o calendario son os seguintes:
Xaneiro: Xián Vázquez
Febreiro: Diego García Carro
Marzo: José Ramón Miranda
Abril: J. Pedro Gómez
Maio: Sol Piñeiro
Xuño: Andre Gacio
Xullo: Susana Gacio
Agosto: Diego Muruais
Setembro: Héctor Loureiro
Outubro: Marcos Candia
Novembro: José Antonio Pasarón
Decembro: Alberto García Armesto
E para a portada: Andrés García Doural
Agradecementos por unha edición cun nivel moi alto
O concelleiro de Educación, Xuventude e Novas Tecnoloxías, Alberto García, quixo agradecer “en nome do Concello de Mondoñedo, o interese amosado por todas as persoas que participaron no concurso, aos que felicitamos pola calidade das fotografías que recibimos”. “Ano tras ano o nivel é maior, o que dificultou o labor do xurado, xa que practicamente todas as fotografías eran merecedoras de incluírse no calendario”, precisou.
O Concello de Mondoñedo celebrará un acto no Salón de Plenos do Concello, que se prevé para finais do mes de decembro, durante o que se entregarán os premios aos galardoados.
Por último, Alberto García lembrou que este concurso fotográfico naceu co afán “de desenvolver o sentimento que temos pola nosa cidade, polos lugares que nos traen os nosos mellores recordos, por aqueles que máis sentimos ou polos que simplemente máis nos gustan”. Así, Alberto García volveu a destacar o aspecto “sentimental” desta iniciativa xa que “permite aos participantes mergullarse nas súas vivencias na cidade e no rural e recorrer os recunchos que máis lles apaixonan”.