A Delegación de Cultura do Concello de Foz programa para este mes de novembro representacións teatrais e concertos.
Este sábado, 10 de novembro, haberá teatro infantil a cargo da compañía Mamá Cabra, que presentará a obra Eu cocino, ti cociñas?. Terá lugar na Sala Bahía, ás 18:30 horas. Trátase dunha obra de teatro musical para nen@s a partir de 3 anos e cunha duración de 50 minutos. O prezo da entrada para os nen@s é de 1,5 euros e 2,5 euros para os adultos.
O venres 16, dentro do ciclo Novembro Musical, ofrecerá un concerto o Combo de Adultos da Escola de Música de Foz. Será na Casa da Cultura ás 21:00 horas.
O sábado 17 volverá haber teatro, nesta ocasión para público adulto, coa compañía Teatro do Atlántico, que porá en escena a obra Helena: xuizo a unha lurpia, sobre a figura clásica de Helena de Troia. Terá lugar na Casa da Cultura, ás 19:30 horas.
O venres 23, dentro do ciclo de teatro afeccionado, o grupo de teatro O Centiño presentará Zume de amorodios. Esta comedia, de José Vázquez Peinó, reflexiona sobre os diferentes tipos de amor que se poden dar nunha relación de parella. A representación será no centro social de Santa Cilla ás 21:00 horas.
A programación cultural do Concello de Foz para este mes de novembro rematará o sábado 24, co concerto que ofrecerá a Banda de Música de Foz na Sala Bahía ás 21:00 horas.