Do 2 de novembro ao 1 de decembro terá lugar a sétima edición do Mes da Maxia na Mariña Lucense, que organiza a Mancomunidade en colaboración coa Xunta de Galicia. A cita chegará a 19 locais hostaleiros de toda a comarca.
Desde a Mancomunidade manifestan que “como cada ano, desde hai xa 7 edicións, celebramos o Mes da Maxia. Durante as fins de semana de novembro e a primeira de decembro estarán repartidos por diversos establecementos varios magos profesionais que farán que as ceas nestes locais sexan inesquecibles. Todas as ceas darán comezo ás dez da noite”. Nesta edición participarán os Magos Jorge, Paredes, Rafa, Kiko, Teto e Pi.
Os locais que acollerán as actuacións do sétimo Mes da Maxia son: O Noso Lar, O Asador, Vila do Val, Casa Damián, Buenavista, A Marquesa, Casa do Fidalgo, A Garita, Casa Franco, Mis en Plas, Rincón do Mis, O Cabazo, A Yenka, Texturas Galegas, A Penela, Area Grande, O Almacén, As Sirenas e Parador de Turismo de Ribadeo.
Na páxina web www.mesdamaxia.com atópanse o listado cos restaurantes participantes así coma os menús que se poderán degustar en cada un deles e os números de teléfono para facer as reservas. Os prezos dos menús máxicos, que inclúen as ceas e os espectáculos de maxia, oscilan entre os 25 e os 30 euros.
Desde a Mancomunidade de Municipios da Mariña explican que “este Mes da Maxia é organizado como elemento dinamizador do territorio e de promoción da Mariña lucense nos meses de menor afluencia de turistas e de actividade en xeral. O obxectivo é tentar desestacionalizar o turismo nun dos meses máis complicados do ano, ofrecerlles aos turistas unha razón para achegarse ata esta comarca e tamén brindarlles aos mariñáns e mariñás un evento diferente e de calidade no que poder disfrutar da rica gastronomía e dun espectáculo de maxia da man dos mellores magos de Galicia”.