A Biblioteca Municipal de Foz organiza varias actividades os días 25 e 27 de abril dentro da súa programación das Letras.

A Biblioteca Pública Municipal de Foz comezou a súa Programación das Letras coa visita de 34 nenos e nenas da gardería A Galiña Azul, que xa levaron o novo carné co que poderán acceder a servizos en calquera das bibliotecas que contan co novo programa Koha da Consellería de Cultura.
 
O concelleiro de Cultura, Ánxel Paleo Soto, anuncia que “as actividades continúan este mércores, día 25 de abril, con Trinketrinke Teatro que ofrecerá o espectáculo de contacontos titulado Avós, unha nova aventura dos Ratos de Lonxedetodo. A ratiña Lili Gruyère contaranos como lle axudou á súa avoa hai moitos anos a plantar unha maceira. O ciclo da vida e o respecto debido aos anciáns son os dous temas tratados neste espectáculo, que é para maiores de 3 anos. E o venres, 27 de abril, terá lugar a actividade de dinamización lingüística chamada Enredando con Pakolas, cancións e os contos que as acompañan, xerando unha historia fantástica cunha parábola ou moralexa final, para público familiar. Un concerto no que os protagonistas serán os nenos e nenas, aos que se convida a participar cantando, bailando e falando. Coñecerán as historias de Baldomero o mero, do parrulo McPac, do rato de Xaquín... e de moitos outros animais da man do músico infantil Pakolas (Paco Cerdeira), que presenta neste concerto o seu primeiro traballo en solitario tras o seu paso polas formacións Mamá Cabra e Gramola Gominola, da que é fundador e integrante. É un espectáculo dentro da Rede de Dinamización Lingüística. Os dous serán ás 18:00 horas no salón de actos da Casa da Cultura”.