O Concello de Foz organiza unha comida gratuíta para os maiores de 60 anos empadroados no municipio. Será o día 21 deste mes, sábado, e o prazo para retirar as tarxetas no centro social empeza mañá, martes.
O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, manifestou hoxe: “desde o Concello de Foz queremos informar a todos os veciños, especialmente a aqueles que teñan máis de 60 anos e estean empadroados no noso concello, que o noso Concello fará a comida dos nosos maiores, como se fixo o ano pasado, cun resultado estupendo e a xente quedou moi contenta. Será o sábado 21 de abril na Sala Bahía a partir das 14:00 horas e o menú será de entremeses variados, carrilleiras con patacas, brazo de xitano, xeado, viño, auga, refrescos, café e chupito. Despois haberá un baile para que poidamos seguir a festa durante toda a tarde”.
O rexedor municipal engadiu que “a comida será gratuíta para todos os maiores de 60 anos empadroados no noso concello, que poderán levar acompañante pero se non é do concello terá que pagar 25 euros. As tarxetas poderán retirarse no centro social de Foz desde mañá, día 10 de abril. Nós recomendamos aos que teñen intención de ir que recollan as tarxetas o antes posible posto que hai orde de inscrición e o aforo será limitado a unhas 500 persoas aproximadamente. Tamén se seguirá o sistema que se fixo o ano pasado: haberá unha pequena reserva nos primeiros días para cada parroquia, proporcionalmente á poboación que teñen, para que non sexan só os de Foz vila os que teñan máis acceso á reserva senón que cada parroquia terá uns mínimos e a partir de aí, nos últimos días, xa se tirará de lista de espera”.
Javier Castiñeira destaca que “é unha comida que é boa para o pobo, que é unha forma de agradecerlles aos nosos avós todo ese esforzo que fixeron na súa vida e que seguen facendo a nivel pobo durante todo o ano, posto que son moitas as labores que levan a cabo os nosos avós. Un pobo que é agradecido cos seus avós é un pobo que quere á súa xente”.