A asociación cultural A Pomba do Arco de Foz organiza o 22 de marzo a presentación do volume A rebeldía galega contra a inxustiza.
O acto terá lugar ás 20:30 horas na Libraría Bahía de Foz, e nel participarán o coordinador do traballo, Xosé Ramón Ermida Meilán, o presidente de Sermos Galiza, Xoan Costa, e Xoan Ramón Fernández Pacios.
A publicación recolle a revolta acontecida en Foz en 1918, un levantamento social dirixido e protagonizado polas mulleres focegas, nun contexto marcado pola brutal epidemia de gripe que rematou coa morte de máis de 122 veciños da localidade, e dunha vaga de fame como consecuencia da alza dos prezos dos produtos de primeira necesidade.
A obra achega información sobre algunhas das razóns que favoreceron a extensión da epidemia de gripe, considerada como a derradeira peste da historia da humanidade, que afectou de xeito moi particular a Foz, Vilaronte, Fazouro e Cangas. Ao tempo destaca as protestas das mulleres focegas contra a carestía da vida que remataron coas concentracións diante das vivendas dos grandes propietarios da vila e o asalto ao almacén de grao existente no Concello de Foz.
A asociación A Pomba do Arco pretende que a presentación deste traballo sexa unha homenaxe a todas as vítimas daquela epidemia de gripe e a toda a veciñanza de Foz, particularmente ás mulleres que levaron adiante aquela loita modélica contra a fame.