Oito locais hostaleiros de Foz, socios do Centro Comercial Aberto, poñen en marcha unha ruta de viños e tapas, que se desenvolverá os xoves, venres e sábados desde o 22 de febreiro ata o 24 de marzo.
Na cita participan: Leyton, Mayros, Xoyma, Dandy, Happy, Express, Anduriña e Xoiña, establecementos situados nas rúas Álvaro Cunqueiro e Avenida da Mariña. Cada local ofrecerá unha tapa especial ao cliente. E será cada un o que decida si por esa tapa cobra 1,50 euros.
Para incentivar que a xente acuda á Ruta de Viños e Tapas os hostaleiros farán cinco sorteos en Radio Foz, empregando o sistema de extracción de cartulinas. Cada semana haberá dous premios: 1 vale para cear 5 persoas por valor de 100 euros nun dos restaurantes que participan nesta iniciativa e 3 vales por valor de 20 euros cada un para consumir nas cafeterías Mayros, Express e Anduriña.
Os primeiros sorteos destes agasallos serán os días 26 de febreiro e 5 e 12 de marzo. Haberá un total de cinco ata o remate da Ruta de Viños e Tapas.
Os organizadores explican que “os clientes recibirán unhas cartulinas cos nomes dos locais participantes. E despois de cada consumición selarase o recadro correspondente a cada local”.
A Ruta de Viños e Tapas foi presentada en Radio Foz, que será onde se realicen os sorteos semanais dos premios. Alí estiveron Ramón Castro e Augusto Ernau.