O Concello de Cervo, a través da delegación de Deportes, editou un álbum de cromos no que os protagonistas son os alumnos das escolas deportivas municipais e os membros dos diferentes clubes do municipio.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o edil de Deportes, José Ramón Soto, presentaron esta mañá, na sala de xuntas do consistorio, os manuais, compostos por unha vintena de páxinas, e os cromos, nos que están representados máis de 300 deportistas.
O rexedor sinalou que ”pensamos neste formato porque nos parece unha forma diferente e orixinal para dar a coñecer e difundir a oferta deportiva do noso Concello, que abrangue multitude de disciplinas”; ao tempo que esta plataforma pretende ser unha homenaxe a todos aqueles, pequenos e maiores, que practican deporte no noso Concello, coa idea de que esa filosofía se transmita entre o conxunto da nosa veciñanza “porque cremos que o deporte é fundamental en todas as facetas da vida e así dende o Concello de Cervo apostamos firmemente por promover hábitos de vida saudables; tendo en conta que a actividade deportiva é fundamental para o benestar físico e emocional das persoas”.
Pola súa banda, Soto, destacou que os álbumes e os cromos xa se poden adquirir nas diferentes librarías e quioscos do municipio. Pensamos –engadiu- “que a iniciativa pode resultar atractiva para os nosos veciños; sobre todo para os máis novos, que terán a oportunidade de facerse con cromos individualizados e personalizados nos que eles serán as personaxes”.
As páxinas do álbum pretenden ser unha ampla recompilación da actividade deportiva de Cervo, con fotografías do municipio e das diferentes modalidades que se poden practicar ao longo de todo o ano no noso Concello “agardando que sexa un simbólico, pero interesante extracto que reflicta a filosofía sobre a que levamos anos traballando e que vai intimamente ligada a promover e apoiar o deporte no seu conxunto”; sentenciou Villares.
No álbum están recollidas as diferentes disciplinas que se poden practicar no municipio como son o voleibol, a patinaxe artística, diferentes deportes de raqueta, mountain bike, piragüismo, fútbol, baloncesto, artes marciais ou surf.