O Concello de Cervo vén de presentar, xunto as diferentes asociacións do municipio que organizan e colaboran nos diferentes actos, o programa de Nadal deste ano.
Este mesmo domingo, 10 de decembro, terá lugar no Pavillón de Cervo, o Mercado Solidario, organizado pola Asociación Airiños do Xunto, coa colaboración do Concello de Cervo. Será a partir das 12:00 horas. Aquelas persoas que o desexen poderán doar xogueste novos ou facer a súa aportación nas huchas que estarán á súa diposición.
Xa o sábado 16 de decembro, terá lugar a III Canastra Solidaria, que foi presentada en días pasados. Esa tarde, no Pavillón da Veiga, disputaranse diferentes partidos de baloncesto e haberá actividades e sorpresas para os máis pequenos. Ata esa data, recóllense alimentos no supermercado Familia, e xoguetes novos na Casa da Cultura, que serán doados á Cruz Roja Española. A actividade está organizada polo Club Deportivo San Ciprián, e conta coa colaboración do Concello de Cervo.
O venres 23 de decembro terá lugar no Auditorio da Casa da Cultura a gran Gala de Nadal. A cita, organizada polo Concello, desenvolverase a partir das 20:00 horas e haberá actuación de corais, música tradicional e baile galego a cargo dos grupos do Concello.
Ese mesmo día, como non podería ser doutro xeito, recibiremos a visita de Papá Noel. A partir das 16:30 horas estará no Local Social de Trasbar; convidado pola propia Asociación de Veciños deste Burgo; e ás17:00 horas desprazarase ata a Casa do Mar de San Ciprián, da man da Asociación de Mulleres de San Ciprián. Estará acompañado pola contacontos Raquel Queizás.
O 24 de decembro será a Noiteboa infantil no Ecomuseo de Cervo. A cita terá lugar a partir das 17:00 horas e está organizada pola Asociación Fervenza de Sargadelos, coa colaboración do Concello de Cervo.
Para o venres 29 de decembro, a Asociación Anxuela e o Concello de Cervo, programan un gran festival de música e gastronomía que foi bautizado como Callo Fest. A cita será presentada nos vindeiros días. O escenario será a Praza dos Campos; e a hora a partir das 19:00 horas. Están a preparar moitas sorpresas.
O sábado 30 de decembro, será o acto-homenaxe do Centenario das Escolas de Cervo. Será a partir das 16:00 horas. Terá lugar a inauguración dunha exposición de fotos antigas no Ecomuseo; e a presentación ao público da Crónica Histórico Literaria da Parroquia de Santa María de Cervo. Un gran traballo do profesor e intelectual Paco Piñeiro, que edita o Concello de Cervo.
O domingo 31 de decembro a Asociación Anxuela e o Concello, organizan a Carreira San Silvestre. A recepción de participantes será a partir das 10:00 horas na Praza dos Campos. A saída está programada para as 11:30 horas e, a continuación, haberá música na Praza.
Ese mesmo día terá lugar a Festa Pre-Fin de Ano; con Karaoke infantil na carpa instalada na Praza dos Campos. Será a partir das 19:30 horas.
E en Trasbar, da man da Asociación de Veciños, tamén despedirán o ano cun brindis, no seu local social; entre as 18:00 e as 20:00 horas.
Para o martes, 2 de xaneiro, o Concello de Cervo, programou una Festa Acuática, na Piscina de Lieiro. Será entre as 17:00 e as 19:00 horas.
O xoves, 4 de xaneiro, haberá Maxia para os pequenos na Praza do Souto de Cervo. Se as condicións climatolóxicas non acompañan trasladarase a actividade ao Ecomuseo. Será ás19:00 horas.
O venres, 5 de xaneiro, recibiremos a visita dos Reis Magos. Ás18:30 horas está programada a saída da Cabalgata de San Ciprián dende o Pavillón da Veiga. O evento está organizado pola Asociación de Mulleres de San Cipirán, coa colaboración do Concello.
O Reis tamén estarán en Cervo; onde a Cabalgata, organizada pola Asociación Airiños do Xunco, coa colaboración do Concello, sairá ás 19:00 horas das Escolas Vellas. Tamén terá lugar unha estrea teatral do Grupo O Bordelo.
Para o domingo, 7 de Xaneiro, o Concello de Cervo, programou unha gran actuación musical. Será a partir das 12:30 horas, na Praza do Souto, ou, se o tempo non o permite, no Ecomuseo.
Na programación de Nadal do Concello de Cervo tampouco faltará o cine. O 26 de decembro no Auditorio da Casa da Cultura proxectarase o filme infantil Ballerina; ás 19:30 horas. E o mércores, 3 de xaneiro, será a quenda de Paddington; ás mesma hora.
Tampouco faltarán os tradicionais Enredos de Nadal con actividades lúdico-didácticas para os máis pequenos da casa. Serán o 26, 27 e 28 de decembro na Casa do Mar de San Ciprián e na Praza do Souto (ou Ecomuseo se chove) en horario de 11:00 a 12:30 horas para os nenos de infantil; e de 12:30 a 14:00 horas, para os de primaria.
O 27 e 28 de decembro os nenos tamén poderán Enredar en horario de tarde dende as 17:00 horas na Praza do Souto (ou no Ecomuseo se chove). Esta actividade está programa para os pequenos a partir de 6 anos, que deberán inscribirse ese mesmo día na Praza.
Non faltarán tampouco na programación actividades para os mozos do Concello. Para o 26,27 e 28 de decembro hai deseñada unha axenda con moitas sorpresas para os rapaces de máis de 12 anos. Deberán inscribirse o primeiro día da actividade no Pavillón da Veiga.
O Concello de Cervo convida a todos os veciños e tamén aos visitantes a que se involucren e participen en cada unha das actividades que, coa colaboración e implicación das Asociacións do municipio, se foron programando para estas datas festivas.