A XIV Rota Montes da Mariña de vehículos 4x4 celebrarase do 27 ao 29 de outubro. A cita foi presentada en Foz.

A décimo cuarta edición da Rota Montes da Mariña de vehículos 4x4 celebrarase do 27 ao 29 deste mes de outubro. O evento foi presentado polo alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, xunto con membros do club Os Correcamiños, que son os organizadores.

O venres 27 será a recepción aos participantes, que chegarán de numerosos puntos de España como País Vasco, Extremadura, Madrid e tamén de Portugal. Haberá un total de 125 motos, 150 quads e 215 coches, con lista de garda.
 
O sábado 28 partirán ás 9 da mañá do porto focense para realizar un percorrido por concellos da Mariña. As persoas que desexen ver a estes vehículos en acción poden acudir aos seguintes puntos: pola mañá á liña A Emida-Oirán e pola tarde as canteiras de Teixeira e de Fazouro.

O domingo 29 estrearase un circuíto de 35.000 metros na antiga fábrica de Pardiñas, con zona de velocidade e trial, onde a partir das 9:30 horas haberá probas de habilidade e outras actividades.